A institución impulsa unha semana de actos de reparación

A memoria antifascista ocupa a Deputación de Pontevedra

Cinco días de conferencias, poemas, exposicións e concertos servirán á Deputación de Pontevedra para reivindicar a memoria antifascista. Entre a vindeira segunda feira e o 10 de novembro, o ente provincial quere "render homenaxe ás persoas e organizacións que loitaron pola democracia e a liberdade".
 

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
photo_camera O Pazo da Deputación de Pontevedra. Foto: cedida.

Os actos comezarán o 6 de novembro coa proxección do filme Aillados, producido pola asociación O Faiado da Memoria, e que trata da illa de San Simón no tempo en que funcionou como campo de concentración de presos republicanos. A Xunta de Feijóo encargouse, nada máis constituírse en 2009, de suprimir a denominación de Illa da Memoria creada pola bipartito e as correspondentes actividades de recoñecemento dos demócratas represaliados.

A terza feira, Celso Xavier Milleiro Sánchez e Xosé Manuel Moreira Docampo presentarán a súa investigación Memorias de sal e terra. O ensino no Concello de Marín (1867-1940), editado pola Deputación. Ao día seguinte, Xosé María Álvarez Cáccamo, Lucía Novas, Elisabeth Oliveira, Marta Dacosta, Miriam Ferradáns e Luís Chapela ofrecerán un recital poético en que tamén haberá "micro aberto".

O Pazo provincial acollerá a partir da quinta feira 9 de novembro a exposición Rexas. Mulleres baixo o terror franquista, curada por Montse Fajardo. "A mostra recoñece as mulleres vexadas e asasinadas pero tamén as que quedaron e sacaron adiante as súas familias", expón Fajardo. A sexta feira, un concerto da Orquestra de Cámara Galega pechará a semana da memoria da Deputación de Pontevedra. Os actos serán ás 20.30 horas no Salón de Plenos do Pazo en Pontevedra.

"Queremos continuar o camiño iniciado o pasado ano, cando por primeira vez realizamos un acto de reparación para recoñecermos as persoas represaliadas tras o golpe fascista", explica Xosé Leal, deputado de Cultura e Lingua do organismo provincial, quen tamén sinala como a iniciativa axudará a que o edificio da Deputación "recupere o seu simbolismo, porque esta foi unha contorna de represión, non hai que esquecelo". O Pazo provincial foi cárcere e no Salón de Plenos houbo consellos de guerra contra os represaliados.

Comentarios