Lindo e querido: o exilio galego en México
Guiomar Acevedo, neta do exilio, vén de publicar o libro Entre a memoria e o esquecemento, no que repasa a benvida que México lle deu á diáspora republicana, incluída unha boa representación da intelectualidade galega que acubillou alí a nosa lingua e a nosa cultura a través de asociacións e publicacións, e nomeadamente da incorporación nas súas universidades do profesorado que o fascismo afastou de nós.
Hai quen di que os nostálxicos do franquismo agardan a desaparición, por pura bioloxía, de quen máis directamente padeceu a represión franquista, xa arestora a xeración orfa, para dar por rematada a vindicación da memoria. Pero cada vez son máis numerosas as mostras que avalan que para a seguinte, a neta, e mesmo para a xeración bisneta, a consecución da verdade, a xustiza e a reparación é xa unha esixencia imparábel.
Como exemplo, Guiomar Acevedo. Neta do avogado e político galego exiliado en México, Xoán Lopéz Durá, e de Caridad Martín Fernandez, Acevedo é autora dun importante estudo sobre a acollida que ese país lle deu á nosa diáspora. Houbo outras nacións solidarias pero ningunha como a entón presidida por Lázaro Cárdenas que, tras a derrota de abril de 1939, transmitiu a través da súa diplomacia o desexo de acoller a quen quixese comezar alá unha nova vida. Para iso, o 15 de agosto de 1939 asinou un acordo co mariscal Petain, máximo responsábel do Goberno colaboracionista francés, ao obxecto de que a poboación recluída nos campos de concentración ficase baixo
a protección mexicana.
Xa antes diso, en xuño de 1937, México puxera en marcha dúas importantes iniciativas: a primeira, auspiciada pola muller de Cárdenas, Amalia Solánzano, permitira a chegada de catrocentas corenta criaturas que tiñan o pai na fronte ou que eran orfas, e que a partir de entón foron coñecidas como "Los niños de Morelia", por ser este o lugar de Michoacán onde se situou a "Escuela Industrial México-España" que lles deu acubillo. A segunda foi a fundación do centro de investigación, estudo e convivencia entre a diáspora republicana e parte da intelectualidade mexicana, daquela nomeado como "Casa de España" e que en 1940 sería rebautizado co actual "Colegio de México". Foi a raíz da arribada de numerosos representantes da intelectualidade republicana por mediación doutra figura fundamental, Daniel Cosío Villegas, integrante do seu corpo diplomático en Portugal, que para contrarrestar a postura do Comité Internacional de non Intervención, animou o presidente a abrirlles as portas para que puidesen continuar defendendo os seus ideais nesa beira do Atlántico.
[Podes ler a reportaxe íntegra de Montse Fajardo no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario deste sábado, 21 de xuño. Resérvao no teu quiosque ou subscríbete ao xornal]