O Goberno estatal atrasa a anulación do xuízo de Bóveda até a aprobación da nova lei de memoria

O Goberno estatal responde ao deputado do BNG, Néstor Rego, que a condena de Bóveda será declara nula unha vez se aprobe a nova Lei de Memoria Democrática.

Acto de homenaxe íntimo na Caeira, Poio, no lugar en que foi asasinado Alexandre Bóveda en 1936 (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera Acto de homenaxe íntimo na Caeira, Poio, no lugar en que foi asasinado Alexandre Bóveda en 1936 (Imaxe: Nós Diario)

Alexandre Bóveda foi condenado por Consello de Guerra sumarísimo, decorrido en Pontevedra o 13 de agosto de 1936, á pena de morte por un delito de traizón. Foi fusilado na Caeira (Poio) o 17 de agosto de 1936, algo que o fai “acredor da reparación moral coa que a democracia española honra os que inxustamente padeceron” persecución ou violencia após o golpe de estado de Francisco Franco. Elixiuse a xornada do seu asasinato para conmemorar o Día da Galiza Mártir.

Así responde o Goberno estatal a unha pregunta escrita formulada por Néstor Rego, deputado do BNG. O Executivo afirma na resposta, á que tivo acceso Nós Diario, que en base á Lei de Memoria Democrática, cuxo anteproxecto foi tramitado o 15 de setembro de 2020 polo Consello de Ministras e Ministros, se recoñecerá e declarará o “carácter radicalmente nulo de todas as condenas, sancións e calquera forma de violencia persoal” producidas por “razóns políticas, ideolóxicas, de conciencia ou crenza relixiosa durante a guerra civil [que na Galiza foi unha represión], así como as sufridas polas mesmas causas durante a ditadura”.

O documento pon de manifesto que “de maneira expresa, declárase a ilexitimidade dos tribunais, xurados e calquera outro órgano penal ou administrativo que, durante a guerra civil, se constituíse para impor, por motivos políticos, ideolóxicos, de conciencia ou crenza relixiosa, condenas ou sancións de carácter persoal”. Fai fincapé na “ilexitimidade e nulidade das súas resolucións”, concretamente, di, “por ser contrarias á dereito e vulnerar as máis elementais exixencias do dereito a un xuízo xusto”.

En todo caso, continúa a resposta, declárase a ilexitimidade do Tribunal de Represión da Masonería e o Comunismo, o Tribunal de Orde Pública, así como os Tribunais de Responsabilidades Políticas e Consellos de Guerra constituídos por motivos políticos, ideolóxicas, de conciencia ou crenza relixiosa.

14 anos sen executar unha proposición non de lei

En 2006 o Congreso aprobaba unha proposición non de lei presentada polo entón deputado do BNG Francisco Rodríguez na que se lle esixía ao Goberno español a anulación do xuízo militar sumarísimo contra quen fora o secretario de Organización do Partido Galeguista. Porén, o acordo parlamentar, 14 anos despois, non foi executado. Así o lembra Rego na exposición de motivos da pregunta dirixida ao Executivo.

O parlamentar nacionalista explica que en 2015 a Lei de Memoria Histórica, Lei 52/2007, estabeleceu medidas a favor de quen padeceron a represión ou violencia durante a guerra civil e a ditadura e recorda que se fixo entón pública unha declaración de reparación e recoñecemento persoal de Bóveda como vítima do franquismo.

Mais a “anulación do xuízo militar segue sendo hoxe unha débeda pendente oitenta e catro anos após do seu fusilamento”, lamenta Rego, quen advirte de que o Goberno español “segue sen actuar para lograr a anulación formal de todos os Consellos de Guerra practicados polos militares fascistas sublevados e, particularmente, o que condenou a morte a Alexandre Bóveda, “como xa se fixo no caso do presidente catalán Lluís Companys en decembro de 2018.

“Un delirio”

“Que a reparación moral de Bóveda non implique a anulación do xuízo sumarísimo é un delirio”. Así se pronunciaba Valentín Bóveda, neto do dirixente nacionalista e vicepresidente da Fundación Alexandre Bóveda, nunha entrevista concedida a Sermos Galiza, após a declaración de reparación.

“É, claramente, o acto de reparación que falta para restituír plenamente a dignidade e a figura de quen foi un firme defensor da Galiza e da democracia e un referente na consecución do primeiro status legal de autogoberno para o noso país”, considera o deputado do BNG.

Malia que Rego preguntou se o Goberno “vai dar cumprimento” á citada proposición non de lei e á propia Lei da Memoria Histórica e anular, así, o xuízo sumarísimo, o Executivo de Sánchez eludiu a resposta e remitiuse á aprobación da nova normativa.

O papel de Bóveda

Castelao foi o primeiro en valorizar o exemplo de determinación de Bóveda: “Moitas veces os mártires crean mundos que os heroes nin tan sequera son capaces de concibir e na miña Terra cumprirase a vontade dos mártires. (…) Bóveda terá de ser, nun mañá próximo ou distante, a bandeira de nosa redención”. A firmeza na defensa do seu compromiso coa Galiza e do seu patriotismo, salienta Rego, “continúa actuando como un exemplo para o presente”.

Na exposición de motivos da pregunta, o deputado nacionalista lembra que Bóveda liderou “a defensa das institucións democráticas republicanas en Pontevedra”, o que o levou a ser detido o 20 de xullo de 1936. “Tras a representación dun xuízo militar cuxo resultado estaba xa decidido de antemán, realizado polos militares facciosos, foi condenado a morte o 14 de agosto e fusilado na Caeira tres días após”, recolle Rego, quen subliña que Bóveda, “en todo momento mantivo a súa firmeza política e ideolóxica en defensa da Galiza e da democracia”.

Non por acaso, quen foi o motor do Partido Galeguista, en palabras do propio Castelao, pronunciou as seguintes palabras perante o Tribunal que o condenou a morte: “A miña patria natural é Galiza. Ámoa fervorosamente. Xamais a traizoaría, aínda que me concedesen séculos de vida. Adóroa máis alá da miña propia morte. Se entende o Tribunal que por este amor entrañábel debe serme aplicada a pena de morte, recibireina como un sacrificio máis por ela. Fixen canto puiden pola Galiza e faría máis se puider. Se non puider, até gostaría de morrer pola miña patria. Baixo a súa bandeira desexo ser enterrado”.

Comentarios