Os galaicos, antes que os escoceses, tamén vestían saias de cadros

O kilt, coñecido popularmente como saia escocesa, é a prenda máis típica de Escocia e Irlanda, e os homes escoceses mantivérona na súa vestimenta, mais sabías que os castrexos tamén vestían saias con cadros?

saias

IV guerreiro de LesenhoEscoceses, co kilt; tahitianos, co pareo; habitantes da Polinesia co lava-lava; asiáticos co sarong... Son os exemplos máis paradigmáticos do uso de saias por parte de homes.

O kilt, en particular, goza de grande aceptación en países occidentais, especialmente no Reino Unido e nos EUA, onde se considera, entre moitas comunidades, unha maneira de celebrar o patrimonio escocés, irlandés e gaélico.

No caso da Galiza, os homes tamén vestiron saia, ao igual que no norte de Portugal. Existe documentación suficiente sobre o uso de saias, nomeadamente con motivos de cadros, en rombo, nos homes castrexos. Así o demostran as estatuas dos guerreiros galaicos.

Paco Boluda, ilustrador e autor de Kallaikos, libro divulgativo sobre a vida castrexa, explica nas súas redes sociais que o artista que esculpiu a estatua do IV guerreiro de Lesenho, ademais de “crear unha obra de gran calidade e minucioso detalle, deixou a imaxe clara da saia que porta o representado”. “Serve para constatar o uso desta prenda, polo menos, entre algúns galaicos do século III-II antes da nosa era”, engade.

“Xunto co espectacular cinto, debían representar un status social importante e que había que amosar”, afirma Boluda, que contrapón a saia nos castrexos co kilt escocés, que en Escocia “souberon internacionalizar, promover e vender, converténdose nunha icona, nun símbolo de identidade que promove polo mundo enteiro o seu país e que xera unha boa cantidade de ingresos”.

Boluda tamén repara na importancia do cinto, unha das pezas mellor representadas nas esculturas dos guerreiros galegos, “con gran detalle e coidada execución, estando ben visíbel a fibela, coa posibilidade de que na estatua a puxeran atrás, para darlle visibilidade”.

O divulgador pon de manifesto que en 12 de 29 estatuas dos chamados guerreiros -aínda que algunhas non se conservan enteiras- podemos observar a saia. “Desas doce, cinco están coa tela decorada. Son as de Cendufe, Monte Mozinho, Vicela, São Julião e dúas máis de Lesenho”, salienta.

As que non teñen a decoración tallada, posibelmente a tivesen pintada, di. O patrón da decoración é, en todos os casos, salvo nunha de Lesenho, cadros formando rombos.

O uso de saias nos homes tamén chegou ao século XX a algunhas variantes do traxe galego, como a coñecida como saia de Tui.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios