Bóveda, perante un tribunal militar

“Fixen canto puiden por Galiza e máis faría se puidese. Se non podo, até gostaría de morrer pola miña Patria”

Hai 83 anos o dirixente do Partido Galeguista Alexandre Bóveda era fusilado no monte da Caeira (Poio). Un tribunal militar condenárao a morte após un xuízo sumarísimo dos que resgatamos as palabras do mártir galego.

Alexandre Bóveda
photo_camera Alexandre Bóveda

Van 83 anos desde o asasinato de Bóveda, mais aínda non se fixo efectiva unha reparación oficial. “A miña Patria natural é Galiza. Ámoa ferventemente. Xamais a traizoaría, aínda que se me concedesen séculos para vivir. Adóroa até máis alá da miña morte. Se entende o Tribunal que por este amor entrañábel debe de me ser aplicada a pena de morte, recibireina como un sacrificio máis por ela. Fixen canto puiden por Galiza e máis faría se puidese. Se non podo, até gostaría de morrer pola miña Patria. Baixo a súa bandeira desexo ser enterrado”. Estas foron as palabras de Bóveda que fecharon un xuízo sumarísimo que segue sen ser anulado.

Día da Galiza Mártir

O día en que o secretario de Organización do Partido Galeguista foi fusilado no monte da Caeira (Poio) simboliza o Día da Galiza Mártir. Unha xornada na memoria de todas e todos os que morreron asasinados por defenderen o seu compromiso coa Galiza e o seu patriotismo. Foi no exilio, en Bos Aires, en 1942, onde a Irmandade Galega instaurou o 17 de agosto como Día da Galiza Mártir.

É Bóveda o máis representativo dos mártires. A el dedicou Castelao o libro Sempre en Galiza. Tamén considerou Bóveda o símbolo de todas as vítimas no seu discurso Alba de Groria: “Á miña imaxinación veu unha fogueira en cada cemiterio, pero no de Pontevedra veu unha labarada que chegaba até o ceo. Era o lume do espírito de Bóveda, que non figura na Santa Compaña dos inmortais porque non pertence á historia, senón á tradición, en arume de lenda Bóveda terá de ser nun mañá próximo ou lonxano a bandeira da nosa redención”.

A axenda do Día da Galiza Mártir

Neste 17 de agosto, a meirande parte dos actos que homenaxean as mártires galegas teñen o epicentro en Poio e en Pontevedra. En Poio o Concello organiza o acto institucional do Día da Galiza Mártir. Será ás 13 horas na Caeira e contará coas intervencións, entre outros, do alcalde, Luciano Sobral.

Na cidade do Lérez terá lugar o xantar da Fundación Alexandre Bóveda, a partir das 14:30 horas, no Hotel Pelegrinus. Media hora após comezará o xantar de Galiza Nova na Taberna Saudade.

Ás 17 horas, no parque Amalia Bóveda, a Fundación Alexandre Bóveda entregará o premio “Galiza Mártir” a Telmo Comesaña, da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Vigo.

Ás 19 horas, a Fundación Alexandre Bóveda organiza o acto cívico do Día da Galiza Mártir no cemiterio de Santo Amaro.

Ás 20 horas, na praza de Curros Enríquez, decorrerá o acto político nacional do BNG, coas intervencións de Marta Gómez, responsábel comarcal de Galiza Nova; Manu Lourenzo, portavoz municipal en Soutomaior, e Ana Pontón, portavoz nacional.

Comentarios