A Galiza acolleu hai 964 anos o primeiro matrimonio gay documentado na Península

Esta cuarta feira, 16 de abril, é o aniversario da unión en Rairiz de Veiga (A Limia) de Pedro Díaz e Munio Vandílaz.
Carlos Callón, Xurxo Ayán e Daniel Macua, esta sexta feira en Compostela. (Foto: Riobó Prada)
Carlos Callón, Xurxo Ayán e Daniel Macua presentaron en febreiro unha camisola inspirada na unión de Pedro e Munio. (Foto: Riobó Prada)

No día 16 de abril de 1061, hai xa case mil anos, dous homes galegos, Pedro Díaz e Munio Vandílaz, rexistraban nunha escritura pública a súa vontade de viviren xuntos e partillaren as súas vidas, na parroquia de Santa María de Ordes, actual Rairiz de Veiga (A Limia). O documento, transmitido no Tombo de Celanova, detalla unha unión que, con palabras de hoxe, podemos considerar un verdadeiro matrimonio entre persoas do mesmo sexo.

Pedro e Munio estipulan no documento a coidanza e goberno conxunto do fogar, o reparto da comida, bebida e roupa, así como a obrigatoriedade de manteren as mesmas amizades e inimizades, nunha convivencia "todos os días e todas as noites, para sempre", unha frase que inspirou unha camisola conmemorativa para visibilizar a diversidade afectiva-sexual ao logo dos séculos, e aun tempo, este ángulo escurecido da historia.

Aquel 16 de abril de 1061, os contraentes dispuxeron tamén que o sobrevivente herdaría os bens do outro. A súa unión tiña, daquela, os mesmos efectos xurídicos, domésticos e afectivos que un matrimonio heterosexual da época.

"Verdade histórica"

O caso foi estudado polo miúdo polo profesor Carlos Callón no seu libro Vidas e historias LGBT da Idade Media (Xerais, 2025, xa na segunda edición), onde destaca a relevancia deste documento non só como curiosidade histórica, senón como proba da diversidade de modelos homoafectivos existentes ao longo do tempo, mesmo en contextos que se imaxinan como singularmente hostís como a Idade Media.

Detalle do documento recollido no 'Tombo de Celanova' no que se detalla a unión entre Pedro e Munio.
Detalle do documento recollido no 'Tombo de Celanova' no que se detalla a unión entre Pedro e Munio. (Foto: 'Maridos e sodomitas' / Nós TV)

O autor chama a atención para a necesidade de "lembrarmos e reivindicarmos esta historia, e dármoslle o lugar que merece na nosa memoria colectiva; recuperarmos as existencia de Pedro e Munio é un acto de verdade histórica mais, tamén, unha ferramenta para construírmos un presente máis xusto, en especial nestes momentos en que a intolerancia gaña de novo peso e forza no mundo todo".

Comentarios