A documentación demostra o gran papel da muller na Idade Media

Nunha palestra organizada pola AC O Galo titulada 'Xoana de Castro versus Catalina de Fonseca: mulleres con poder nos conflitos composteláns do século XV' ' o historiador Miguel García-Fernández defende a importancia da muller durante o reino medieval da Galiza.
Palestra de Miguel García-Fernández titulada 'Xoana de Castro versus Catalina de Fonseca', esta terza feira na libraría Couceiro de Compostela. (Foto: Nós Diario)
Palestra de Miguel García-Fernández titulada 'Xoana de Castro versus Catalina de Fonseca', esta terza feira na libraría Couceiro de Compostela. (Foto: Nós Diario)

A importancia da muller durante o reino medieval da Galiza foi até o de agora un tema pouco tratado na historiografía. Porén, na palestra realizada esta terza feira na Libraría Couceiro de Compostela o historiador Miguel García-Fernández demostrou que hai documentación e fontes abondo que permiten constatar o seu protagonismo. Para o experto, hai que "deixar atrás os tópicos que existen no imaxinario colectivo e no dos propios investigadores".

Baixo o título de 'Dona Xoana de Castro versus Dona Catalina de Fonseca: mulleres con poder nos conflitos composteláns do século XV', na iniciativa  organizada pola Agrupación Cultural O Galo, o investigador explicou as razóns que o levaron a escoller estas dúas mulleres que interviron na Compostela do século XV nos intensos conflitos entre a nobreza e a burguesía contra o poder arcebispal. 

O historiador sinala a Nós Diario que ambas as dúas mulleres das que falou "pertencen, por suposto, á aristocracia, e por iso están mellor documentadas". Por ese mesmo motivo incide en que "nos cuestionemos a imaxe de que nese período histórico todas estaban totalmente sometidas á tutela masculina, que pasan da dependencia paterna á dos irmáns ou dos fillos".

O conflito en Compostela

García-Fernández explica que Xoana de Castro "pertenceu por nacemento á máis alta nobreza galega e interveu na loita entre o seu marido, Rodrigo de Moscoso, contra Rodrigo de Luna e outros arcebispos de Santiago". O nome desta muller, asegura, aparece en todos os documentos, tamén nos de carácter Real, sempre como "mediadora fundamental" no conflito. 

"O máis interesante neste caso é que nesa disputa cobra protagonismo outra muller, Catalina de Fonseca, a propia nai do arcebispo contra o que se revelou Xoana de Castro", indica este investigador. O enfrontamento mesmo tivo elementos de grande alcance como o feche na propia  Catedral de Santiago por parte de Catalina de Fonseca dos membros do Cabildo mentes Xoana de Catro  tiña secuestrado o propio Alonso de Fonseca. 

"Mesmo hai documentos medievais que conservamos nos que Catalina de Fonseca declara como toma parte das xoias e do diñeiro que se custodian no tesouro da Catedral para poder facer fronte ao rescate dos seus fillos", confirma Miguel García-Fernández a este xornal.

Imaxinario colectivo

O historiador, que proximamente depositará a súa tese de doutoramento sobre Mulleres e cultura escrita na Galicia medieval (séculos XII ao XVI) na USC, reivindica "revisitar a historia para ir máis alá do imaxinario que temos desta época".

Na súa opinión, "son figuras moito máis numerosas do que os demais poidamos pensar" e o seu papel tamén é outro. "Igual que as mulleres sufriron violencia neste período, ás veces foron elas mesmas as axentes desa propia violencia", apunta.

Sobre o imaxinario actual, García-Fernández lembra algúns casos moi coñecidos "como o da raíña Urraca ou o de María Castaña". Desta última, recorda, "só contamos cun único documento orixinal que, ademais, ten unha difícil interpretación". Por iso salienta a importancia de dar a coñecer outras figuras, "como é o caso de Beatriz de Castro en Ourense", e tamén os traballos de investigación que existen na actualidade a este respecto, "como son os que realizou e publicou  Carmen Pallarés Méndez".  

Comentarios