Desmontando a pegada franquista

[Imaxe: Cedida] Detalle do Pazo de Meirás.
O BNG vén de presentar unha demanda ante o Consello de Dereitos Humanos das Nacións Unidas para que investigue o Estado español pola existencia de fundacións ligadas á ditadura franquista. Dedicadas a históricos personaxes do fascismo ibérico, estas son as sete que contan na demanda redactada pola portavoz nacionalista en Europa, Ana Miranda, e o historiador Carlos Babío. Eis un extracto da información publicada ao respecto no número 361 do semanario en papel Sermos Galiza.

“En la presente hora de eclipse total de nuestra patria, que no deja de ser el resultado –profetizado por D. Blas– del proceso histórico comúnmente denominado Transición española […] la Fundación Blas Piñar quiere poner a disposición de todos los españoles […] el patrimonio intelectual y moral de Blas Piñar […] en la esperanza de que sea garantía de un nuevo renacer de España Una, Grande y Libre”. Promover “o pensamento e obra” do primeiro parlamentario da extrema dereita despois da restauración democrática do 78 “inspirada nos ideais de Deus, Patria e Xustiza” é o obxectivo confeso da institución, con sede en Madrid. A Fundación Blas Piñar atópase entre as sete denunciadas polo BNG ante o Consello de Dereitos Humanos das Nacións Unidas e o seu Exame Periódico Universal, que máis ou menos cada cinco anos revisa a materia nos Estados membros.

As fundacións ultras españolas están directamente relacionadas co franquismo. A máis coñecida é, xustamente, a Francisco Franco, multisubvencionada polo Estado español e orientada a “difundir e promover o estudo e coñecemento sobre a vida, o pensamento, o legado e a obra de Francisco Franco Bahamonde na súa dimensión humana, militar e política”. Como nos demais casos, herdeiros familiares pero tamén ideolóxicos encárganse da xestión. “Non todas as fundacións teñen a mesma repercusión pero si os mesmos obxectivos: facer apoloxía do franquismo e dos franquistas e do período que vai de 1939 a 1975”, explica a este semanario o historiador Carlos Babío, redactor da demanda xunto á portavoz do Bloque en Europa, Ana Miranda.

Entre as de máis actividade pública está a Fundación José Antonio. Constituída en 1996, o seu manifesto expón, na caracteristicamente recargada prosa de inspiración falanxista, a súa “vocación”: “A Fundación José Antonio é un ideal de fe, un proxecto de talento, ou non será. […] Así se lexitima a acción cultural, a construción da res pública, a dialéctica vigorosa entre a persoa e a súa cultura”. Edita unha gaceta mensual en liña cuxo último número dispoñíbel, correspondente a este mes de agosto, inclúe artigos como “José Antonio, foi de dereitas?”, a”A tese de doutoramento de Gustavo Bueno”, “Para valados, os vaticanos ou Falanxismos fronte a anarquismos”. Finalmente difunde a obra teórica de José Antonio Primo de Rivera y Sáenz de Heredia, fundador de Falange en 1933 e, dalgún xeito, da versión española do fascismo histórico.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 361 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]