A Deputación da Coruña impulsa ‘Fai Memoria’ para levar a memoria democrática ás aulas
A Deputación da Coruña pon en marcha a segunda edición da iniciativa Fai Memoria, un programa dirixido ao profesorado co obxectivo de promover a memoria democrática nas aulas ante o incremento dos discursos de odio entre a mocidade.
A Deputación da Coruña impulsará a iniciativa Fai Memoria, un proxecto orientado a fomentar a memoria democrática no ámbito educativo ante o aumento dos discursos de odio entre a xente nova. A proposta, promovida pola área de Dereitos Civís do organismo, materializarase nun congreso dirixido ao profesorado, co obxectivo de facilitar ferramentas para abordar contidos relacionados coa memoria histórica nas aulas. A actividade, de carácter gratuíto, celebrarase o vindeiro 25 de abril no Centro Sociocultural Maruxa e Coralia de Santiago de Compostela, previa inscrición.
Durante a presentación, a deputada de Dereitos Civís, Sol Agra, destacou que esta segunda edición se pon en marcha “tras o éxito da primeira e co desexo de que continúe medrando”. Así mesmo, subliñou que a iniciativa pretende ofrecer recursos, formación e información sobre memoria histórica, ao tempo que favorece o intercambio de experiencias entre docentes.
Neste sentido, Agra advertiu de que “hai aspectos, situacións e figuras do noso pasado que se están volvendo invisíbeis e que forman parte da defensa dos valores dos que gozamos hoxe en día”, facendo fincapé en que “as mulleres foron especialmente invisibilizadas”.
A deputada incidiu tamén na necesidade de reforzar o traballo arredor da memoria democrática nas aulas “nun contexto no que os discursos fascistas están a medrar, incluso entre a mocidade”.
