Contracultura

Laura Romero: "Decidín ilustrar a Inés de Castro porque quedei fascinada coa súa historia e mito"

Mulleres e música son as protagonistas nas ilustracións de Laura Romero.
Laura Romero defínese como ilustradora, urban sketcher e música. A visibilización das mulleres é un aspecto fundamental na súa obra e coas ilustracións realizadas sobre Inés de Castro e Lupa Pérez de Traba participa do proxecto Cartafol de ilustracións do Reino de Galiza de MAOS Innovación Social. 'Nós Diario' incluirá o sábado 17 de setembro unha cartilla para conseguir este cartafol de ilustracións. As lectoras e lectores poderán cubrila cos cinco cupóns que se distribuirán co xornal entre o 20 e o 24 de setembro e entregala no quiosco.

—A súa formación está ligada ao mundo da arte, por que decidiu especializarse na ilustración?
Sempre tiven moi claro que quería estudar Belas Artes, pero o certo é que durante os meus estudos nunca me centrei na ilustración. Sempre prioricei a pintura, até que deixou de interesarme por varias razóns, entre elas o lento do seu proceso. Foi así como descubrín a inmediatez do urban sketching, e, pouco despois, empurrada pola música, a ilustración. 

—Cales son os seus referentes, tanto no mundo da arte como fóra?
O meu primeiro recordo de muller ilustradora é o de Pilarín Bayés. Non é unha referente estilística, pero desde logo é unha referente. O meu estilo bebe moito de Eric Carle: busco ese efecto collage, contornos definidos pero imperfectos, esaxeracións… Despois, fóra do mundo da ilustración, inspíranme moito as mulleres músicas pioneiras, a súa forza por abrir camiño nun mundo onde, de entrada, non eran moi benvidas.

—Hai algún proxecto que supuxera un punto de inflexión na súa traxectoria artística?
Si: Músicas Galegas Ilustradas. É un proxecto persoal que comecei en 2017 para visibilizar o papel das mulleres na música galega. Primeiro, con ilustracións. Despois veu un libro, Ferreñas & Rock and Roll. Actualmente estou traballando nunha serie de gráficos onde analizo a participación de músicas en diferentes festivais e eventos galegos, baixo o cancelo #MáisMulleresNosEscenarios.

—Dar visibilidade ás mulleres é unha constante nos seus proxectos e ese protagonismo feminino é un dos fíos condutores do Cartafol de ilustracións do Reino de Galiza, que supón colaborar nun proxecto como este?
É necesario visibilizar por fin a historia das mulleres, e máis cando falamos de Historia, xa que as protagonistas femininas que coñecemos comunmente contámolas cos dedos das mans. Estou moi agradecida de poder achegar o meu lapis a este proxecto, xunto a catro compañeiras que admiro.

—De entre todas as mulleres que podía elixir, por que ilustrar Lupa Pérez de Traba e Inés de Castro?
A Inés de Castro elixina porque quedei fascinada coa súa historia e mito despois de colaborar con MJ Pérez no seu documental Inês, aquilo que nos une. A Lupa Pérez de Traba ilustreina por simple descoñecemento dunha figura que habitou perto de onde eu vivo agora.

—Que é o que máis lle gustou de traballar ao redor destas mulleres?
Poder darlles un espazo no presente dalgunha maneira. Ademais, é moi divertido poder imaxinar o seu aspecto a partir das representacións que chegaron até os nosos días.

—A música é parte fundamental en moitas das súas obras, tamén está presente neste proxecto dalgunha forma?
Si, no caso de Inés teño presente a banda sonora que MJ compuxo para o seu documental.

—Neste momento, que ten entre mans? Algunha novidade profesional sobre a que nos poida falar?
En breves comezarei a ilustrar dous libros, dos que polo de agora non podo falar moito… Ando tamén a intentar crear conciencia empregando o cancelo que mencionei antes, #MáisMulleresNosEscenarios, máis alá das redes sociais e da web…