A “crueza” das foxas da Guerra Civil chega ao Fórum da Coruña
Unha mostra organizada pola Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) recolle en 20 imaxes do galardoado fotoxornalista Eloi Alonso a tarefa de recuperación dos restos mortais das vítimas da represión franquista.
“É unha exposición dura de ver pola súa crueza, pero é a realidade, o que se fai nas exhumacións é buscar restos de persoas que foron executadas para rescatar os seus ósos e que as súas familias podan enterralos con dignidade, non hai máis”. Así define o seu propio autor, o fotoxornalista Eloi Alonso, as 20 fotografías que compoñen a mostra As foxas do esquecemento, que se poderá visitar até o vindeiro 29 de outubro no salón principal do Fórum Metropolitano da Coruña.
Organizada conxuntamente pola Asociación de Veciños Oza Gaiteira-Os Castros e pola Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), a mostra vese complementada con documentación propiedade da agrupación e por dúas conferencias coa temática da “desaparición forzada” como eixo central, impartidas pola profesora e voceira da ARMH Carmen García-Rodeja, o 7 de outubro, e polo investigador Eliseo Fernández o 14, as dúas ás 19:30 horas.
Paulo Sexto, presidente da Asociación de Veciños Oza Gaiteira-Os Castros, explica que o seu colectivo involucrouse neste proxecto porque consideran que o da Memoria “é un tema que se ten que tratar en todos os ámbitos sociais e en todos os sitios”, e que os veciños do barrio “teñen que coñecer a historia, saber o que pasou, que moita xente foi vítima da represión franquista e soterrada nunha foxa anónima só por defender uns ideais”.
Estampas de corazón
O fotógrafo protagonista da mostra revela que o da Memoria Histórica é un asunto que lle toca moi fondo no corazón, xa que lle mataron e enterraron o avó nunha foxa común, o que lle permite ter unha “dobre visión” do tema: “A persoal, por ter un familiar de primeiro grao asasinado, o que me levou a querer coñecer a súa historia e saber o que pasou; e a profesional, xa que como fotoxornalista considero que a Guerra Civil é algo moi representativo que hai que documentar para que quede constancia para as vindeiras xeracións da xente que segue metida en foxas en plena democracia. Non hai dereito a seguir sendo o segundo país no mundo con máis desaparecidos”.
Alonso pensa neses ósos que inmortaliza como “o esqueleto que forma a democracia que hoxe temos, grazas a toda esa xente que loitou para vivir en paz, como o facemos hoxe, e que deixou a súa vida no camiño”. Por iso, apostila, esta é unha exposición “dura”, pero que pode “contribuír a que a historia non se repita e que nunca máis morra ninguén por causa da súa forma de pensar nin pola súa forma de crer”.