Consello de Forzas Políticas Galegas: 50 anos dunha alternativa democrática para que Galiza existise

Hai 50 anos, o 5 de xaneiro de 1976, presentábase en Compostela o Consello de Forzas Políticas Galegas, unha alternativa unitaria que pretendía garantir a existencia da Galiza non como un apéndice de deseños estatais senón como unha realidade motora dunha dinámica política propia no escenario política que se abría após a morte de Franco.

Bases consitucionais
Acto de presentación das "Bases Constitucionais para a participación da Nación Galega nun Pacto Federal" o 7 de abril de 1976 en Compostela. Camilo Nogueira de pé no centro da imaxe. (Foto: UPG)

O Consello de Forzas Políticas Galegas foi resultado dun proceso de contactos e debates iniciados no último trimestre de 1975 co obxectivo de articular, nun momento no que existían síntomas evidentes da descomposición do réxime franquista, unha alternativa de ruptura coa ditadura nunha orientación galega e democrática, que impugnase o proceso de reforma pactada impulsado polos herdeiros da ditadura, coa aval de Estados Unidos e Alemaña.

A plataforma xurdiu impulsada polas organizacións nacionalistas Partido Galego Socialdemócrata (PGSD), Partido Socialista Galego (PSG) e Unión do Povo Galego (UPG). No proceso de conformación, participou a Unión Democrática da Galiza, partido demócrata cristiá liderado por Xaime Illa Couto, que finalmente se descolgou do proxecto, premido por outros sectores desa corrente ideolóxica como Fernando García Agudín, co que conformaría en xuño de 1976 o Partido Popular Galego.

O organismo declaraba defender no seu primeiro manifesto, publicado no mes de xaneiro de 1976 "unha estratexia que formulaba, cara a ruptura, unha alternativa autenticamente galega, é dicir, pensada e formulada desde a Galiza e desenrolada por e para o pobo galego". Neste sentido, era expresión da vontade de mudanza política e alternativa dunha nova institucionalidade merecente da consideración de democrática.

As organizacións promotoras do Consello de Forzas Políticas Galegas afirmaban que a súa alternativa programática pasaba pola “libre determinación da Galiza”, polo “Goberno provisorio galego que encetará o proceso constituínte, pola “implantación inmediata das liberdades democráticas”, polo “recoñecemento oficial do idioma galego” e por “un novo artellamento do Estado que articule  un Estado federal ou confederal”.

As Bases Constitucionais

O Consello de Forzas Políticas Galegas sumou en abril de 1975 dúas novas formacións nesta caso de obediencia estatal. Unha delas foi o Movemento Comunista da Galiza (MCG) e outra o Partido Carlista da Galiza, que a través dos seus partidos matrices estaban representadas, respectivamente, a nivel estatal na Plataforma Democrática e na Xunta Democrática.

A concreción práctica da alternativa do Consello de Forzas Políticas Galegas foron as Bases Constitucionais para a participación da Nación Galega nun Pacto FederalProxecto de Medidas Económicas para un Programa de Goberno Provisorio Galego aprobadas e presentadas o 7 de abril de 1976.

O primeiro dos documentos, redactado, na súa forma definitiva polo xurista, profesor da USC e militante da UPG Xosé Vilas Nogueira, formulaba un modelo de Estado plurinacional. O segundo dos relatorios, da autoría final dos economistas e, tamén, militantes da UPG Camilo Nogueira e Ramón López-Suevos, incidía nos aspectos económicos e sociais da proposta do CFPG e formulaba unha alternativa de desenvolvemento autocentrado para o país.

O dirixente da UPG, Francisco Rodríguez, naquela altura desterrado pola ditadura franquista na localidade andaluza de Porto Real pero integrante do comité executivo dese partido, apuntou que "as Bases Constitucionais foron naquela altura, un modelo galego para estruturación federal do Estado, de base nacional diversa"

"É a forma de concretar un modelo de autodeterminación"

Rodríguez analizou que as Bases Constitucionais partiron da "concepción da soberanía como algo inherente a cada nación e o seu signo distintivo: é a nación a que fai cesión, para que poda existir o Estado Plurinacional, a unidade entre iguais. É a forma de concretar un modelo de autodeterminación, acorde coas circunstancias históricas"

As Bases Constitucionais non foron un texto doutrinal con vontade de fixar unha posición de tipo estratéxico. Pola contra, atenderon a un carácter nitidamente programático para actuar nunha conxuntura política marcada pola descomposición do franquismo. Neste sentido, buscaba acumular forzas, conscientes de que a correlación das mesmas non era favorábel para a proposta nacionalista, baixo un programa de mínimos que permitise a Galiza estar presente no proxecto constituínte que se aveciñaba.

O Consello de Forzas Políticas Galegas e as Bases Constitucionais cumpriron  un papel chave para garantir a presenza política da Galiza con reivindicacións propias no espazo nacional e estatal. Ao tempo posibilitaron que o país non ficase fóra de xogo no debate aberto após a morte de Francisco Franco e permitiu unha importante pedagoxía social entre a cidadanía. Neste sentido, foi a única proposta para que Galiza existira como realidade política non tempo que ía vir, resultando finalmente fanada polos compromisos estatais dalgúns dos integrantes do Consello.  

Comentarios