A Comisión pola Memoria da Barbanza condena a agresión ao monumento das persoas represaliadas en Cabo de Cruz

Monumento aos represaliados vandalizado en Cabo de Cruz, Boiro. (Foto: Nós Diario)

O colectivo cualifica o acto vandálico de "mostra de intolerancia e descoñecemento histórico" e reafirma o seu compromiso coa verdade, a dignidade e a xustiza.

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza (CRMIHB) expresou a súa "fonda condena e repulsa" pola agresión cometida a pasada fin de semana contra o monumento dedicado ás persoas represaliadas polo franquismo en Cabo de Cruz (Boiro), recentemente inaugurado pola Asociación A Gamela e o Concello de Boiro.

Nun comunicado, a entidade memorialista considera que este acto vandálico é unha mostra de intolerancia e descoñecemento histórico, mais advirte de que, "lonxe de ferir a memoria, reforza o noso compromiso coa verdade, coa dignidade e coa xustiza".

"Moitos dos que xustifican ou silencian estas accións falan de fechar feridas, mais con comportamentos coma este non fan máis que abrilas de novo, demostrando que aínda hai quen non asumiu o dano causado nin o sufrimento herdado", sinala a Comisión.

"A memoria non se borra"

A CRMIHB recolle tamén no seu comunicado versos de Eduardo Pondal para denunciar que quen atacan a memoria democrática "son os ignorantes e escuros", mentres "os bos e xenerosos entenden e atenden a nosa voz".

A Comisión agradeceu as numerosas mostras de apoio e solidariedade recibidas tras o ataque, asegurando que "cada mensaxe e cada xesto lembran que a memoria segue viva e que a verdade non se borra cunha agresión".

"Seguiremos traballando para que quen foron perseguidos e asasinados pola defensa da liberdade e da xustiza social sexan lembrados con orgullo e respecto", subliñan desde a CRMIHB, lembrando que "a memoria non se borra, a verdade non se cala e a dignidade non se destrúe".

O monumento, situado en Cabo de Cruz, fora inaugurado recentemente como homenaxe ás vítimas da represión franquista na comarca do Barbanza, e forma parte das iniciativas de recuperación da memoria democrática promovidas por asociacións locais e familiares dos represaliados.

Recrudécense os ataques contra a memoria democrática

A agresión de Cabo de Cruz non é un feito illado. Esta mesma fin de semana tamén foi vandalizado o monumento ás vítimas do franquismo en Arzúa, cunha pintada que tenta borrar as inscricións en homenaxe de Juan Vidal García, último alcalde republicano da localidade, fusilado polos fascistas en Compostela en setembro de 1936.

A escultura que no centro da localidade lembra esta vítima do franquismo apareceu na mañá deste domingo 26 de outubro cunha lenda que di "Gobierno de rojos, época de piojos".

O Goberno local de Arzúa emitiu un comunicado onde "manifesta o seu rexeitamento absoluto e a súa profunda preocupación polo acto vandálico cometido contra a escultura de Juan Vidal, alcalde de Arzúa fusilado polo fascismo no ano 1936".