Colectivos memorialistas acusan o Estado español de manipular o relato do pazo de Meirás
25 colectivos, asociacións e entidades memorialistas da Galiza e do resto do Estado veñen de presentar un escrito no que acusan o Goberno español de "facer propaganda" co anuncio da declaración do Pazo de Meirás, en Sada (comarca da Coruña) como Lugar de Memoria, e demandan que “a súa titularidade, xestión e usos" sexan transferidas á Galiza. Para esta terza feira convocaron, ás 11.15 horas, unha mobilización na que reclamarán “garantías” no acto institucional convocado pola Secretaría de Estado de Memoria no interior do Pazo, ao que foron convidados a última hora, denunciaron.
Nun escrito presentado esta segunda feira en Meirás (Sada) pola Comisión de Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH), os colectivos memorialistas asinantes exixiron o cumprimento da Lei de memoria democrática e que o pazo sexa "do pobo galego”. Acusaron o Goberno español de “falsidades, incumprimentos e falta de garantías” no proceso. "O Estado quere que vaiamos de palmeiros ao acto e lle deamos un cheque en branco”, censurou o presidente da CRMH, Carlos Babío, en conversa con este xornal, ao tempo que demandou “respecto” ao Goberno español.
A CRMH presentou o 15 de xullo de 2024 a solicitude formal para a declaración como Lugar de Memoria de acordo co establecido na nova lei, que fixa a necesidade de incoar un procedemento e publicalo no Boletín Oficial do Estado (BOE) nun prazo de 12 meses, algo que non aconteceu, polo que a CRMH considera o anuncio “un intento de disfrazar como resolución o que só é o inicio dun procedemento sen compromisos reais nin garantías para a preservación da memoria”. "O que non está no BOE non existe”, conclúe Babío.
Diante desta situación, demandan “garantías, legalidade e transparencia” nesta declaración e critican que até o de agora a Administración “non facilitou o acceso ao expediente nin respondeu ás nosas peticións de información, incumprindo a legalidade”.
“Usurpación”
A Comisión criticou ademais a actitude do Estado español a respecto deste asunto, acusándoo de “usurpación do protagonismo social e galego”. Aseguran que a recuperación do Pazo de Meirás “é obra do activismo social e memorialista galego”, que durante anos puxo ao servizo desta causa “investigación, divulgación e mobilización social”. "O Estado quere usurpar este protagonismo con actos baleiros de contido; xa en 2021 anunciaran un protocolo de actuación que quedou en “papel mollado”, cuestionaron.
“Non queremos fotos nin propaganda, queremos compromisos claros e efectivos”, aseguraron os colectivos, que demandan que o Pazo de Meirás pase a ser de titularidade “do pobo galego” e que haxa un “recoñecemento do protagonismo da sociedade galega na súa recuperación”. En Meirás, asegura a CRMH, o Goberno español "está a restrinxir as visitas e os espazos visitábeis". "Hai meses que é imposíbel reservar unha visita, xa que o ten fechado como nunca lle teriamos consentido á familia Franco”, denunciaron.
No escrito presentado onte polos colectivos memorialistas tamén se alude a outras propiedades e obras de arte “espoliadas durante décadas pola familia Franco”. Refírense á Casa das Cunchas -fronte ao Pazo de Meirás-, “adquirida” polo ditador en 1962, o mesmo ano en que tamén espoliou a Casa Cornide na Coruña. Desde o colectivo denuncian que “o Estado non actuou” e que o Concello da Coruña “segue a incumprir a lei en materia de simboloxía franquista”.
Demandan desde o colectivo “medidas firmes contra a impunidade histórica” e critican que o Estado español incluíse a actuación en Meirás dentro do programa 'España en Liberdade: 50 anos', pois “foron 50 anos de impunidade e de blindaxe dos gobernos, tanto galego como estatal, ao espolio” dos Franco. O proceso de recuperación de Meirás está “inconcluso”, destacaron, e pendente de resolucións xudiciais, e consideraron “incomprensíbel” que o Estado español “recoñeza” un suposto dereito de indemnización á familia Franco.