'30 castelos para descubrir un reino'

O Castelo da Lúa, a fortaleza mariñeira erguida en Rianxo

Castelo da Lúa, en Rianxo.
Ao pé do Atlántico, á beira da desembocadura do río Te e no Areal da Torre, localízanse as estruturas do Castelo da Lúa. A entidade de poboación máis próxima é o lugar do Pazo, pertencente á freguesía de Santa Comba de Rianxo, no municipio homónimo das terras barbanzás. Non máis de quilómetro e medio dista este edificio do centro urbano e, concretamente, da casa consistorial.

Xa que as súas estruturas se atopan erguidas cabo da liña de costa, hai que catalogala propiamente como unha fortaleza mariñeira, desde a cal non só se controlaría o paso de embarcacións e persoas por esa zona atlántica senón que, tamén, desde terra. Logo así, no seu horizonte albíscase a Punta de Iñobre, os castros de Neixón, a zona de Abanqueiro, o Castriño de Taragoña, a igrexa de Santa Comba... Na actualidade, o seu predio fica nunha prolongación de terra cara ao río Te, a xeito de  península, mais resulta bastante plausíbel que no seu día se tratase dun pequeno illote, como acontecía con moitos lugares nos que se alzaron este tipo de construcións. Veñen á nosa mente as torres e fortalezas do Oeste (Catoira), da Lanzada (Sanxenxo), de San Sadurniño (Cambados)...

Segundo Jerónimo del Hoyo, a comezos do século XVII a xurisdición e vila de Rianxo tiña 1.100 vasalos, valía o xulgado 1.600 reais e o arcebispo de Compostela puña “quatro regidores cada año”. Desde o medievo foi coñecido este territorio pola súa actividade pesqueira, de aí que abastecese cos recursos derivados dela a propia cidade santiaguesa, verbo do que se anuncia n’O Tumbo Vermello de Don Lope de Mendoza.

Na actualidade son seis as parroquias que forman parte do municipio, nomeadamente: Araño, Asados, Isorna, Leiro, Taragoña e Rianxo; mais durante o antigo réxime tamén pertenceron as de San Xoán e San Xiao de Laíño (hogano no concello de Dodro), Abanqueiro, Bealo, Cespón, Cures e Macenda (en Boiro), así como tamén San Pedro Fins de Ribasieira (Porto do Son) e determinados “coutos” lindeiros. Todas estas freguesías, por outra banda, eran de señorío de abadengo e de xurisdición ordinaria dos arcebispos composteláns. E non sen importantes conflitos –que desde o século XV se han estender até a Idade Moderna– puideron conservalas.

O concello de Rianxo, con case 59 quilómetros cadrados, localizado na marxe dereita do Ulla e do Mar da Arousa, tiña comunicación terrestre desde antigo coas vilas de Padrón e Noia.

[Podes ler este fascículo completo, dentro do coleccionábel 30 castelos e torres para descubrir un reino, comprando o xornal Nós Diario de hoxe, nos quiosques ou en formato dixital na nosa loxa en liña, a través desta ligazón. Cada día, unha nova entrega, totalmente gratuíta co xornal]