Cando Castelao volveu secuestrado
Foi unha operación política dirixida a lexitimar o réxime autonómico. A traída dos restos de Castelao, perfectamente deseñada no tempo e na forma, respondía ao triplo obxectivo de dotar de apoio social un Estatuto, de manter o combate e a exclusión contra o nacionalismo, de avanzar na idea de reconciliación entre as vítimas e os verdugos do 36 e de outorgar natureza democrática e galega aos xestores da autonomía
A data, escollendo para a súa chegada a Bonaval un 28 de Xuño, tiña como fin facela coincidir co aniversario do referendo do estatuto de 1936. O momento, cos herdeiros políticos do de Rianxo expulsados do Parlamento de Galiza, isto é os deputados do Bloque-PSG Lois Diéguez, Bautista Álvarez e Claudio López Garrido, nun contexto de forte represión ao nacionalismo, iniciado após o 23 F, continuado polos primeiros gobernos do PSOE e que respondía a tentar eliminar aquelas alternativas non confesionais co modelo da Constitución de 1978. O tempo, cunhas institucións autonómicas cuestionadas na súa utilidade e no seu carácter democrático, cun Estatuto que merecía a indiferenza maioritaria do pobo galego como se demostrou no referendo de 1980 e cuns responsábeis, ao fronte, carentes de calquera tipo de lexitimidade democrática.
Non era posíbel converter Castelao no avalista do proceso autonómico sen proceder a manipulación do seu pensamento e actuación política. As tentativas de adulteración do legado do líder do Partido Galeguista son anteriores ao período autonómico; porén, neste momento acadan un carácter máis descarado ao tentar de o facer funcional ao proxecto político en marcha. Atendendo ao papel de Castelao e o Partido Galeguista na consecución do Estatuto de 1936, pretenden presentalo como un autonomista, cuxa posición ideolóxica se referencia na descentralización administrativa sendo o correlato do mesmo o texto estatutario de 1981. Abonda con ollar os seus escritos ou as propias resolucións asembleares do seu partido para concluír que o nacionalismo nin antes, nin durante, nin despois do período republicano foi unha forza de definición e práctica autonomista. O Estatuto do 36, así o testemuñou Castelao, era un punto de partida e non de chegada, situando a súa reivindicación como un paso para avanzar na liberación nacional de Galiza.
As fotografías que van inseridas no meio do texto, ambos da autoría de Pedro Piñeiro, son (1). Teresa, a irmá de Castelao perante o cadaleito; (2) O coche fúnebre ábrese paso na pista de aterraxe de Lavacolla