Os campos de concentración de Muros
A posta en funcionamento dos campos de concentración de Muros responden ás necesidades derivadas da política represiva instaurada polo franquismo e da propia lóxica do conflito bélico no norte peninsular. A caída da fronte norte, tras a derrota do exército popular en Asturias e Cantabria, impulsa a apertura dunha rede de centros de reclusión ao longo de toda a xeografía galega. Eis un extracto da peza publicada ao respecto no número 337 de Sermos Galiza.
Os campos de concentración de Muros chegaron a acoller máis de oitocentos detidos. Segundo os dados fornecidos por Xesús Costa e Xesús Santos, as persoas que máis e mellor estudaron os centros de confinamento franquista na zona da Barbanza, o campo de Anido chegou a sumar cincocentos detidos, pasando o de Vieta dos trescentos reclusos. O primeiro continxente de reclusos chegou a Muros o 6 de novembro de 1937 no vapor Llodio, engadíndoselle aos poucos días outros grupos deles desprazados por estrada desde A Coruña, manténdose abertos até finais de febreiro de 1938, candoo groso dos detidos son dislocados ao campo de concentración de Rianxo e de Camposancos en Tui.
A maioría dos reclusos confinados en Muros correspondíanse con soldados do exército popular que tiñan participado en accións de combate nos diversos escenarios da fronte norte, sendo na súa maioría de orixe asturiana e vasca, porén outra parte estaba formada por detidos gobernativos, neste caso con presenza importante de galegos.
Apoio veciñal
As condicións de vida dos reclusos eran pésimas. Unha mala alimentación, o frío, a ausencia de condicións hixiénicas mínimas -se ben contaban cunha bacía para o aseo persoal-, a falta de medicinas e a ausencia de espazos para ouriñar e defecar -que se realizaba directamente sobre o mar- son exemplos de abondo ilustrativos do día a día dos detidos. A penuria dos reclusos só era minguada pola solidariedade da veciñanza de Muros, efectiva desde o primeiro momento da chegada a localidade, até o punto de que o alcalde abriu expediente a diversas persoas por “organizar colleitas para os roxos presos en Vieta” xa en novembro de 1937.
[Podes ler a peza íntegra no número 337 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]