luns 24.02.2020

A Audiencia de Madrid dá a razón aos Franco no caso das estatuas do Mestre Mateo

As estatuas de Isaac e Abraham, obras atribuídas ao Mestre Mateo e declaradas Ben de Interese Cultural, deben, segundo a Audiencia de Madrid, continuar en mans da familia do ditador Franco, pese a seren reclamadas polo Concello de Compostela.

Estatuas de Isaac e Abraham (Imaxe: Europa Press)
Estatuas de Isaac e Abraham (Imaxe: Europa Press)

A Audiencia Provincial de Madrid deu a razón, ao igual que o fixera o xulgado número 41 de Madrid en primeira instancia, aos herdeiros do ditador Francisco Franco sobre as estatuas de Isaac e Abraham, atribuídas ao Mestre Mateo. Estas obras, declaradas Ben de Interese Cultural, atópanse en posesión da familia Franco e foron reclamadas polo Concello de Santiago de Compostela.

En declaracións a Europa Press, o exalcalde de Santiago Martiño Noriega explicou que a Audiencia "cambia de argumentación" para rexeitar o recurso, dado que en primeira instancia a xuíza sinalara que non quedaba probada a posesión das estatuas por parte do Concello, mais agora para a Audiencia "non está demostrado" que sexan as mesmas pezas en propiedade dos Franco.

Foi durante a etapa en que gobernou Compostela Aberta cando se impulsou este proceso e, agora, o novo executivo de Xosé Sánchez Bugallo (PSdeG) deberá decidir se recorre ao Tribunal Supremo.

Noriega remarca que a propia Xunta da Galiza acreditou "perfectamente" durante o proceso co informe de declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) que se trata das mesmas estatuas, polo que amosa a súa sorpresa ante o feito de que a desestimación se basee nese argumento. Ademais, apoia esgotar a vía do Supremo.

Pola súa banda, o actual alcalde avanzou que se analizará a sentenza o día 26 de decembro e sopesarán se cabe apresentar un recurso "con posibilidades" ante o Supremo, afirmou nunha entrevista radiofónica.

A demanda do Concello de Santiago viuse apoiada, no seu día, coa localización no arquivo da Universidade de Santiago do expediente de adquisición das pezas, así como da propia escritura notarial, facendo constar todas as características das estatuas, da titularidade municipal.

Segundo estes documentos, após a súa retirada da Catedral, as esculturas pasaron a mans do Conde de Ximonde no século XVIII, un nobre que as vendeu ao Concello de Santiago por 60.000 pesetas en 1948. No documento de venda existe unha reserva "para evitar que desaparezan do concello" -cunha multa no caso de que así sexa- e presérvese a súa propiedade "pública, dos veciños de Santiago", sen posibilidade de venda ou cesión.

Por iso, o Concello de Santiago decidiu proceder contra os herdeiros de Franco. Así, o consistorio anunciou en outubro de 2017 que recorrería á xustiza para recuperar as estatuas do Mestre Mateo, que xa tratara de resgatar o Goberno tripartito da Xunta formado entre 1987 e 1990. No ano 2000 o BNG solicitou a recuperación destas no Parlamento por medio de María Pilar Garcío Negro, a quen o conselleiro de Cultura, Pérez Varela, admitira que non se realizara xestión ningunha ao respecto.

Aliás, o BNG interesárase polas figuras de Abraham e Isaac nun pleno municipal de 2012 en Compostela e catro anos despois era En Marea quen rexistraba no Congreso unha proposición non de lei a devolución das pezas á Catedral de Santiago.

comentarios