Antroido na Coruña en versos galegos

Día de Comadres, 22 de febreiro de 1860. Nevaradas que impiden ver chegar os barcos ao porto da Coruña. A praza de María Pita, que aínda non se chamaba así, é unha lameira. O Circo de Artesáns prepara o enterro da sardiña e Francisco de la Iglesia, como xa fixera antes, é o encargado de preparar as coplas que se han dicer no Teatro Principal. 

Goya. Enterro da sardiña
photo_camera F. Goya. Enterro da sardiña

O antroido de 1860 foi frío, con nevaradas frecuentes, mesmo a ras de mar. Na Coruña, o 19 de febreiro amañeceu “todo branco, coma se fose o mundo amañado de málmore. Parecía un país do norte. Pro logo se derretiu, non sendo por Oza e máis por Elviña e montes de Santa Margarida. E anque sigue esfolerpando moitas veces no día, de xeito que se non atisvaban os barcos, non chegou a callar”. Iso si, foi suficiente para causar asombro entre a rapazada “Os meniños meus estaban parvos ó ver tal e á escola non viñeron máis de 15 en todo o día e outro, poucos máis. Con só pasar pola praza da Fariña, tanto era o que esfariñaba, que quedaban os sombreiros como se fosen os dos muiñeiros”

A cita anterior procede dunha carta de Francisco de la Iglesia datada na Coruña o día de comadres, 22 de febreiro de 1860. Nela dá resposta a outra de seu irmán Antonio, tamén escrita en galego. A carta de Francisco de la Iglesia, redactada en prosa e verso, foi dada a coñecer por Áurea Rey na revista conmemorativa Especial 25 aniversario do IES Menéndez Pidal da Coruña, en 1998. 
Probabelmente a parte primeira, en verso, sexa reprodución, ou polo menos guión, do texto das cantigas que Francisco de la Iglesia preparaba para o día do enterro da sardiña. Versos de ton burlesco, como o propio Francisco recoñece: “Aquí como che dixen porparase un enterro no Liceu como o do ano pasado. Eu son o portal dos coxos e tiven que facer a antroidada dos versos, parte do sarmón vay en versos gallegos” 

"O antroido de 1860 foi frío, con nevaradas frecuentes, mesmo a ras de mar. Na Coruña, o 19 de febreiro amañeceu “todo branco, coma se fose o mundo amañado de málmore"

As sociedades de recreo

Nunha guía da Coruña, publicada en 1877 e na que se dan conta de todos os servizos que ofrece a cidade a esa altura, alén de nos propor rutas e paseos pola propia cidade, figura un apartado destinado aos denominados “Circos de Recreo”, isto é, sociedades destinadas ao ocio, e tamén á instrución, dos seus asociados.

É posíbel -dinos Antonio Coumes-Gay, autor da guía- que non haxa en España cidade que conte cun número de sociedades de recreo tan crecido como A Coruña, atendendo á súa poboación”. E cita as activas nese momento,

Circo recreativo é instructivo de Artesanos. 
Tertulia de la Confianza.
Casino Coruñés.
Circulo de Gimnasia y Esgrima.
Sociedad Breton de los Herreros.
Liceo Artístico.
Liceo Brigantina

facendo fincapé en que todas teñen salas de xogos, gabinete de lectura, algunhas biblioteca e que alén diso ofrecen concertos, representacións dramáticas, brillantes bailes de máscaras e traxes, etc.

Entre todas estas sociedades corresponde ao Circo de Artesanos a organización das festas de antroido, facendo o chamado “enterro da sardiña” na noite do mércores de cinza, entretemento -en palabras do autor- “muy agradable al pueblo” onde os socios demostran sempre a súa ilustración e sensatez. O “Circo”, xa nesta altura transformado en Reunión Recreativa e Instrutiva de Artesanos, foi fundado en 1847 e constituíu o principal baluarte da burguesía media da Coruña, con importante influencia política, especialmente na proxección pública dos aspirantes á alcaldía.

O enterro da sardiña

"Tamén o frío estivo activo neste antroido 2015 e, hoxe, como antes, as coplas satíricas seguen estando presentes nas festas do antroido, centradas máis en temas da prensa rosa ou de política".

A preparación do enterro da sardiña levábaa a cabo o Circo de artesáns e o desenvolvemento escénico era, habitualmete, no teatro Principal. A composición das cantigas que se habían interpretar correspondeu, en 1860, a Francisco de la Iglesia. Dínolo el, na carta citada : ... viñéronme á catar para asistir ôs ensayos das cantigas que se han de botar no enterro da sardiña, que me fixeron compor e tiven que acabar como Dios me deu a saber no teu escribidoiro...” Non era a primeira vez que De la Iglesia asumía o papel de letrista para a festa do enterro da sardiña. Xa fora dous anos antes cunha “Canción epigramática” para o enterro da sardiña dedicada ao Recreo Artístico e Instructivo de Artesanos, unha composición acompañada con música de Jorge Yañez, e tamén un ano máis tarde, no 1861, coa composición presentada aos Xogos florais promovidos por López Cortón. Posiblemente na estrutura do discurso se combinase prosa e verso, galego e castelán. Así é polo menos o texto que conservamos de 1863, pronunciado, a modo de discurso fúnebre no Teatro Principal.

Voltando á carta, nela están presentes, e seguramente foron obxecto de canto, ou de burla,  nas honras á sardiña, outros temas tanto de carácter urbanístico como de infraestruturas. É o caso da actual Praza de María Pita, proxectada a mediados do século XIX co fin de resolver o paso da Cidade Vella á Pescadería e referida na carta como o Derrubo, un lugar polo que “non se pode pasar sin medo de quedar sin orellas, sin nariz ou cando menos derreado dos cadrís ou das sens”. A referencia á liña de ferrocarril é tamén outro dos elementos de denuncia neste enterro da sardiña de 1860. O camiño de ferro non chegará á Coruña até 1875 mais en 1858, a raíña Isabel II, de visita na cidade, puxo a primeira pedra do que daquela se chamou Estación do Príncipe Alfonso. 

Tamén o frío estivo activo neste antroido 2015 e, hoxe, como antes, as coplas satíricas seguen estando presentes nas festas do antroido, centradas máis en temas da prensa rosa ou de política. O enterro da sardiña e as comitivas fúnebres despiden os días de festa. 

Mais algo hai de diferente. É a promoción pública de desfiles, modelos e ambientes de outros carnavais, de outras latitudes. É a preferencia por un público espectador antes que protagonista. Tamén no antroido.

Comentarios