O recoñecimento nacional do país

85 anos da incorporación de Galiza á Sociedade de Nacións

O IX Congreso das Nacionalidades Europeas dependente da Sociedade de Nacións, antecedente directo da actual Organización das Nacións Unidas, realizado en Berna, capital de Suíza, entre o 16 e 18 de setembro de 1933, recoñecía o carácter nacional de Galiza e aprobaba a incorporación do noso país a esa entidade. 

Congreso Nacionalidades
photo_camera Recepción a unha comitiva británica no concello da Coruña, coa presenza de Plácido Castro, home chave no congreso de Berna.

O camiño para o recoñecemento de Galiza como nación e a súa incorporación ao Congreso das Nacionalidades Europeas, fundado en 1925, arranca dun encontro mantido en Euskadi durante o Aberri Eguna de 1933 entre o secretario xeral da entidade, Ewald Ammende, e o deputado nacionalista galego Ramón Otero Pedraio.  A esta primeira xuntanza, celebrada baixo o patrocinio do Partido Nacionalista Vasco e de Unió Democràtica de Catalunya, seguiuna unha segunda reunión en Galiza en abril de 1933 de Ewald Ammende cunha delegación da dirección do Partido Galeguista, onde se sentaron as bases para a integración do noso pais no clube das nacións sen estado de Europa. Ewald Ammende, membro da minoría alemá en Lituania, nunha entrevista publicada en El pueblo gallego de 25 de abril de 1933  —onde aparece acompañado de Ramón Otero Pedraio, Xosé Eiroa, Álvaro de las Casas e Xulio Siguenza— non dubida en afirmar que “agardo que a aprobación do estatuto catalán sexa seguido polo de Euskadi e Galiza”, continuando coa necesidade de recoñecer “os dereitos das pequenas nacionalidades europeas como camiño para solucionar os problemas entre os pobos e os estados”.

As sesións do IX Congreso das Nacionalidades Europeas serviron para confirmar a Galiza como unha realidade diferenciada na esfera internacional. A xuntanza —á que acudiron representantes de perto de trinta nacións sen estado ou minorías nacionais europeas, entre eles delegados vascos, cataláns e galegos— permitiría posteriormente a Daniel Castelao escribir no Sempre en Galiza: “Galiza é unha nacionalidade, e como tal foi recoñecida en Berna, polo IX Congreso das Minorías Nacionais, adscrito á Sociedade de Nacións”. A proposta galega ao plenario, parte da cal ficaría recollida nas conclusións finais, estaba apoiada nun memorando elaborado por Vicente Risco onde afirmaba que “Galiza é unha nación ben definida”, ao tempo que reivindicaba “o dereito innegábel do pobo galego a dispor de si mesmo”, demandando, por último, “a plena liberdade de empregar o seu idioma materno, sobre todo no ensino”. Sen dúbida algunha, o encontro celebrado na capital Suíza en novembro de 1933 representou un fito de primeira magnitude no recoñecemento internacional de Galiza.

As sesións do IX Congreso das Nacionalidades Europeas serviron para confirmar a Galiza como unha realidade diferenciada na esfera internacional

O recoñecemento de Galiza como nación por un organismo dependente da Sociedade de Nacións é o resultado da acción exterior do Partido Galeguista. A axenda internacional do Partido Galeguista respondía por esta orde a articular unha correlación de forzas no Estado español favorábel ao recoñecemento das nacións que o conformaban, a internacionalizar o problema nacional galego, fundamentalmente no ámbito europeo e americano e a apoiar as loitas de liberación nacional e contra o colonialismo que se libraban ao longo do mundo. Así, en relación co primeiro eixo, signifícanse as relacións cos nacionalistas vascos e cataláns, formalizadas en 1933 baixo a denominación de Galeusca, pero que viñan dar continuidade a unha amizade de vello que tiña como antecedentes máis recentes a Tripla Alianza de 1923 e que arranca xa desde o século XIX. Merece a nosa atención, na medida que implica unha impugnación á ideoloxía eurocéntrica hexemónica, a solidariedade dos nacionalistas galegos coas loitas dos patriotas de Asia e África, achegando o seu apoio nese momento aos nacionalistas exipcios, alxerinos ou indonesios.

A peza chave do aparato internacional do Partido Galeguista foi Plácido Castro. A súa incorporación á loita nacionalista remóntase aos anos finais da década dos vinte, coincidindo coa súa primeira estancia en Londres; porén, non será até 1930, ano do seu retorno a Galiza, cando se integra á  militancia patriótica nas filas da Irmandade da Fala da Coruña. O seu posicionamento canda o de Víctor Casas será decisivo para a incorporación desta entidade ao Partido Galeguista, participando na súa asemblea fundacional en 1931 e ocupando durante tres mandatos a secretaría internacional na súa comisión executiva, sendo, con Daniel Castelao e Alexandre Bóveda, a persoa que máis tempo permaneceu nos órganos de dirección da organización nacionalista. O seu labor á fronte da responsabilidade de internacional dos nacionalistas veríase favorecido polas súas propias inquedanzas persoais e tamén pola súa formación políglota, correspondéndolle o groso dos traballos que remataron co recoñecemento de Galiza como nación no IX Congreso das Nacionalidades Europeas da Sociedade de Nacións, onde estaría presente como representante galego. Ao igual que boa parte do núcleo de dirección nacionalista sufriría a represión do réxime fascista, sendo procesado, sancionado economicamente, inhabilitado para o exercicio profesional e exiliado no Reino Unido. 

Corrección: na edición orixinal desta información inserimos un pé de foto equivocado, ao colocar en Berna unha imaxe que en realidade se tomou no salón de plenos do concello da Coruña.

Comentarios