Un libro decisivo

40 anos de "Problemática nacional e colonialismo: o caso galego"

Portada PNC (1)
photo_camera Un fragmento da capa do libro

É a achega doutrinal máis decisiva do nacionalismo popular. Redactado man a man por Francisco Rodríguez e Ramón López Suevos, é debedor do corpo ideolóxico do nacionalismo de preguerra, sintetizado por Daniel Castelao no Sempre en Galiza, da tradición marxista, particularmente daquela que forneceu razóns ás loitas de liberación nacional ao longo do século XX, e da práctica política e elaboración teórica do movemento patriótico galego reorganizado á volta dos anos sesenta. Os autores, significados dirixentes do movemento nacional popular que xa tiñan contribuído en traballos anteriores no ámbito económico e cultural á explicación do problema galego, nunha liña analítica homologábel a que se desenvolvía noutras realidades coloniais, adiantan unha análise de conxunto sobre os aspectos basilares da nosa cuestión nacional e as derivadas asociadas á mesma no plano da acción política.

Significa a actualización e posta o día da proposta nacionalista interpretada coas ferramentas analíticas do marxismo. A definición de Galiza como nación e por conseguinte depositaria de dereitos políticos, concretados no exercicio da soberanía nacional, cuxa práctica presupón criterios ideolóxicos, políticos e organizativos. A consideración da autodeterminación nacional como un proceso dinámico de loita dun pobo polos seus dereitos cuxo remate final está na soberanía e non como un principio formal acoutado a unha votación. A caracterización de Galiza como unha colonia, resultado dunha tripla opresión política, cultural e económica, actuando as tres de xeito concatenado, reforzándose mutuamente, provocando unha peculiar situación de dependencia, non homologábel no espazo ibérico, da cal se deriva unha práctica política concreta, determinada pola súa estrutura de clases.

Os autores consideran a autodeterminación nacional como un proceso dinámico de loita dun pobo polos seus dereitos cuxo remate final está na soberanía e non como un principio formal acoutado a unha votación

Define o proxecto estratéxico do nacionalismo ao tempo que fixa as súas posicións tácticas para o momento político que se abre após a morte de Franco. A explicación da autonomía como unha mera descentralización administrativa dirixida a desfigurar as reivindicacións nacionais dos pobos ibéricos e favorecer a súa asimilación, integrándoo máis eficazmente na mecánica do estado centralista. A oposición ao modelo europeo, como expresión política dos intereses do grande capital, en tanto superestrutura destinada a reforzar a dependencia do país, desmantelar os seus sectores produtivos e fanar as posibilidades dun desenvolvemento autocentrado. A impugnación do proxecto político pactado entre os herdeiros do franquismo e unha parte da oposición democrática como marco que nega os dereitos básicos do pobo galego e senta as bases dunha sociedade non merecente da consideración  de democrática.

Fai corenta anos, falamos de abril de 1978, Edicións Xistral editaba Problemática nacional e colonialismo: o caso galego. O tempo transcorrido, a máis de confirmar boa parte das análises formuladas, non lle restou un mínimo de vixencia ás teses centrais recollidas no volume, pola contra, como sinalou o teórico da colonialidade Ramón Grosfoguel nunha recente visita a Galiza, sorprenden pola súa actualidade e coincidencia cos traballos dos autores da corrente da que fai parte o portorriqueño. Non está de mais nos tempo que corren, seguindo a Rodríguez e Suevos, reparar no carácter de clase do problema nacional galego e na específica articulación socioeconómica do país, cuxo correlato é necesariamente  unha determinada práctica política, cuxo primeiro chanzo é a autorganización, na perspectiva dunha hexemonía social.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios