Galiza nun mapa saxón do século XIII
De autor descoñecido e datado no século XIII, no mapa de Ebsfort apenas dedica un lugar subsidiario á Península Ibérica. Esa desatención contrasta co espazo dedicado a Galiza, designada na cartografía como Gallicia regio, isto é reino de Galiza, así como as dúas cidades máis importantes, Santiago de Compostela, asociada á súa grandiosa catedral, e Brigantia, ligado ao seu faro, enclave chave das relacións marítimas galego británicas. Eis un extracto da información publicada ao respeito no número 327 de Sermos Galiza.
A carta Ebsfort foi un mapa mural en pergamiño de aproximadamente 3,75 metros de diámetro e 13 metros cadrados de superficie, considerado o máis grande do seu tempo, realizado nas décadas finais do século XIII probabelmente no mosteiro bieito de Ebsfort, no Estado federado da Baixa Saxonia, onde foi localizado en 1830. A copia que coñecemos actualmente é o resultado dunha composición realizada a partir das fotos realizadas con anterioridade á súa destrución en 1943, após un bombardeo da aviación británica á cidade de Hanover no marco das accións militares desenvoltas polos aliados contra territorio en Alemán durante a II Guerra Mundial. A autoría do mapamundi corresponde, segundo unha sinatura estampada no mesmo, a un monxe coñecido como Xervasio de Ebsfort, que algúns estudosos asocian co xurista, político e escritor británico Xervasio de Tilbury, obrigado nos anos finais da súa vida ao ducado de Braunschweig nas terras da Baixa Saxonia.
[Podes ler a información íntegra no número 327 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]