Galiza no mapa

Galiza nun mapa saxón do século XIII

De autor descoñecido e datado no século XIII, no mapa de Ebsfort apenas dedica un lugar subsidiario á Península Ibérica. Esa desatención contrasta co espazo dedicado a Galiza, designada na cartografía como Gallicia regio, isto é reino de Galiza, así como as dúas cidades máis importantes, Santiago de Compostela, asociada á súa grandiosa catedral, e Brigantia, ligado ao seu faro, enclave chave das relacións marítimas galego británicas. Eis un extracto da información publicada ao respeito no número 327 de Sermos Galiza.

[Imaxe: SG] Un detalle do mapa
photo_camera [Imaxe: SG] Un detalle do mapa

2O mapa de Ebsfort é unha carta de autor descoñecido elaborada no século XIII que responde a unha estrutura TO, modelo cartográfico existente na Idade Media caracterizado pola súa preocupación teolóxica. Reciben este nome porque o O representa o mundo en forma circular, a forma xeométrica perfecta, rodeada polo océano, mentres o T refire a articulación do espazo interior ao tempo que presenta a cruz, en tanto símbolo da cristiandade. A propia forma circular do mapa remite á forma do corpo de Cristo, que aparece abrazado ao mundo, situándose Xerusalén no centro do mundo, onde aparece representado o seu rexurdimento, gravándose a súa cabeza arriba ao leste, a carón do paraíso terreal, e os seus pés ao sur, coincidindo coas columnas de Hércules. Os mapamundi que seguen este esquema deixan nun segundo plano a precisión xeográfica, presentando formas esquemáticas e destacando a súa función teolóxica.

A carta Ebsfort foi un mapa mural en pergamiño de aproximadamente 3,75 metros de diámetro e 13 metros cadrados de superficie, considerado o máis grande do seu tempo, realizado nas décadas finais do século XIII probabelmente no mosteiro bieito de Ebsfort, no Estado federado da Baixa Saxonia, onde foi localizado en 1830. A copia que coñecemos actualmente é o resultado dunha composición realizada a partir das fotos realizadas con anterioridade á súa destrución en 1943, após un bombardeo da aviación británica á cidade de Hanover no marco das accións militares desenvoltas polos aliados contra territorio en Alemán durante a II Guerra Mundial. A autoría do mapamundi corresponde, segundo unha sinatura estampada no mesmo, a un monxe coñecido como Xervasio de Ebsfort, que algúns estudosos asocian co xurista, político e escritor británico Xervasio de Tilbury, obrigado nos anos finais da súa vida ao ducado de Braunschweig nas terras da Baixa Saxonia.

[Podes ler a información íntegra no número 327 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Máis en Mapas do reino
Comentarios