Galiza no mapa

Galiza nun mapa británico do século XII

Un detalle do mapa

É outra expresión da dimensión internacional do Reino de Galiza, mesmo nun tempo político onde xa se iniciara o proceso de incorporación subordinada do país a Castela. Elaborado na segunda metade do século XIII na cidade británica de Hereford por Richard Haldingham e Richard Bello, signifícase pola súa gran precisión en relación con outras cartografías contemporáneas. Eis un extracto da peza publicada ao respeito no número 351 do semanario en papel Sermos Galiza.

O mapa de Hereford é unha carta de autor elaborada arredor de 1290 que responde a unha estrutura TO, modelo cartográfico existente na Idade Media caracterizado pola súa preocupación teolóxica. Reciben este nome porque o O representa o mundo en forma circular, a forma xeométrica perfecta, rodeada polo océano, mentres o T refire a articulación do espazo interior ao tempo que presenta a cruz, en tanto símbolo da cristiandade.

A propia forma circular do mapa remite á forma do corpo de Cristo, que aparece abrazado ao mundo, situándose Xerusalén no centro do orbe, onde aparece representado o seu rexurdimento, gravándose a súa cabeza arriba ao leste, a carón do paraíso terreal, e os seus pés ao sur, coincidindo coas columnas de Hércules.

Os mapamundi que seguen este esquema deixan nun segundo plano a precisión xeográfica, presentando formas esquemáticas e destacando a súa función teolóxica.

A cartografía de Hereford é unha peza de 132 por 162 centímetros que durante moito tempo permaneceu pendurado a carón do coro da catedral de Hereford, trasladándose máis tarde á capela do bispo de Audley para volver lucir máis tarde no seu espazo inicial após diversos traballos de rehabilitación e mesmo dun intento de venda á volta de 1988 a consecuencia dos problemas financeiros que padecía a diocese titular do mesmo.

 

[Podes ler a peza íntegra no número 351 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]