“Na miña xeración aínda non vimos Abril”

Joana Mortágua, do Bloco.

Joana Mortágua, deputada do Bloco de Esquerdas portugués, participou nun acto organizado polo BNG en recordo do 25 de Abril, “unha revolución que a forza do imperialismo e a dependencia externa da burguesía converteu nunha transición”. “Volvemos ter que emigrar, o que deixa claro que están derrotando aquelas conquistas de hai corenta anos”, denuncia.

Filla daqueles combatentes contra as ditaduras ibéricas que chamaron a atención do mundo co secuestro do rebautizado como Santa Liberdade, a deputada do Bloco de Esquerdas portugués Joana Mortágua pasou en Galiza unha data tan importante como a do 25 de Abril, na que participou nunha charla na Coruña ante máis dun cento de persoas organizada polo BNG.

 

O acto serviu para conmemorar o 40 aniversario da Revolución do Cravos, ademais de converterse nunha dura crítica á actual situación política de Portugal -e por extensión de Galiza- intervida polos poderes da UE e atravesando unha grave crise económica. “Na actualidade non temos poder político para defender as conquistas do 25 de Abril”, sinalou. “Todo o poder popular daquel proceso foi entregado á Troika e aos mercados, o que lle resta credibilidade a esta democracia, onde a política está subxugada aos intereses financeiros. Agora, corenta anos despois, estamos tendo que volver a emigrar, sinal que proba que están a derrotar un Abril que na miña xeración aínda non vimos”, engadiu a deputada, de 29 anos, que pula “pola unidade para acabar co réxime”.

 

Mortágua lembrou que entre @s protagonistas daquel rebelión “as ideas socialistas eran maioritarias pero a forza do imperialismo e a dependencia externa da burguesía converteu a revolución nunha transición”. Lamentou neste punto o papel da socialdemocracia, participou dun suposto consenso para instaurar un pacto de réxime apoiado pola OTAN e o que agora é a Unión Europea, proceso no que dixo ver bastantes semellanzas co ocorrido no Estado español. “A burguesía portuguesa nunca tivo un proxecto nacional, sempre estivo e mans do capital alleo e así foron capaces de mutilar as conquistas de Abril, mesmo a pesar de que se conseguiu unha democracia formal bastante avanzada. Nin sequera perdoaron iso nunca. O que sufrimos agora en Portugal é tamén unha vinganza contra a Revolución de hai corenta anos”.

 

A deputada do Bloco rematou a súa intervención esixindo que “a troika devolva o roubado” e asegurou que “o 25 de Abril e a Galiza Ceibe teñen en común unha característica: o Poder Popular”.

 

No acto tamén participaron Xosé Manuel Carril, voceiro local na Coruña e candidato ás Europeas do BNG, e o portavoz nacional da formación nacionalista, Xavier Vence, que denunciou que “malia non existir xa ditaduras militares, agora sufrimos a dos mercados”.