MALIA ESTAR DETERIORADO O SEU ESTADO DE SAúDE

O activista angolano Luaty Beirão continuará en folga de fame

[Imaxe: RPT]

Cúmprense 35 días desde que o activista angolano Luaty Beirão, baixo arresto, decidiu iniciar unha folga de fame para reclamar a liberdade dos activistas detidos en Luanda. Malia o seu delicado estado de saúde, anuncia que continúa co xaxún.

Cun delicado estado de saúde mais con ánimo para continuar coa folga de fame que iniciou hai xa 35 días. Así define o seu estado Luaty Beirão, que decidiu adoptar a decisión en protesta polo encarceramento dos activistas detidos en Luanda e polo xuízo ilegal ao que se enfrontan.

Dado o empeoramento da súa saúde, cada vez son máis as voces que lle piden a Luaty Beirão que abandone o xaxún, mais “el non cambia o pensamento, séntese tratado inxustamente”, asegurou a súa parella, quen deu conta diante dos medios da “gravidade” da situación clínica do activista.

O embaixador de Portugal en Luanda, João da Câmara, reuniuse hoxe co activista, que tamén conta con nacionalidade portuguesa, aínda que non deu declaracións á prensa após saír da clínica privada na que Luaty Beirão permanece ingresado.

O xuízo aos activistas desenvolverase, previsibelmente, entre o 16 e o 20 de novembro no Tribunal Provincial de Luanda. Os avogados veñen de alegar “detención excesiva preventiva” e a “detención ilegal” dos activistas e atópanse agora á espera do resultado do hábeas corpus.

A detención dos 15 mozos tivo lugar o 20 de xuño de 2015 acusados de preparar un golpe de estado. Outros dous foron arrestados días após e tamén seguen na cadea.