Xustiza rexeita a denuncia polo asasinato machista de Ourense por estar en galego

O Ministerio insta a Marcha Mundial das Mulleres a redixir o escrito en castelán.

Terrorismo machista

O Ministerio de Xustiza vén de mandar de volta a queixa presentada pola Marcha Mundial das Mulleres en relación ao asasinato de Isabel Fuentes o 8 de maio de 2015 no CHUOU por estar en galego, segundo recolle o xornal Faro de Vigo. 

A institución, através dun conselleiro técnico sinala que o documento se devolve "a fin de que sexa presentado en lingua castelá, conforme ao estabelecido na lei". No concreto, a 30/92 na que de recolle que "a lingua dos procedementos tramitados pola Administración Xeral do Estado será o castelán" (artigo 36). 

Desde a Marcha Mundial das Mulleres, que xa puxo en coñecemento da Mesa pola Normalización Lingüística o acontecido, estudan posíbeis medidas a adoptar após serlles rexeitada a tramitación da queixa sen terse valorado a cuestión que nela se refire. 

O movemento feminista rexistrou a reclamación no mes de setembro e nela exixe explicacións por non se teren adoptado medidas cautelares para evitar que Aniceto Rodríguez asasinara a que fora a súa compañeira, Isabel Fuentes, malia teren sido solicitadas pola Garda Civil. 

A denuncia foi apoiada por 1.200 sinaturas e até unha trintena de colectivos. 

Comentarios