AS-PG, CIG e Mesa reclaman un “cambio de rumbo radical" na política lingüística da Xunta
O prato forte das xornadas foi a mesa redonda realizada ás 12 horas coa participación das entidades organizadoras do encontro, representantes de diversas institucións ligadas á lingua e das autoridades galegas con competencia na materia.
O debate contou coa presenza de Xesús Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino; Hakan Casares, do Consello da Cultura Galega; Valentín García, secretario xeral da Lingua; Marcos Maceira, presidente da Mesa; Henrique Monteagudo, membro da Real Academia Galega (RAG), e Ana Pérez Rico, presidenta da AS-PG.
A palestra serviu para evidenciar as diferentes posicións sobre a situación da lingua e as distintas alternativas para avanzar no proceso normalizador. Neste punto, o representante do Goberno galego, Valentín García ficou só na defensa do Decreto do Plurilingüismo.
Valentín García
García, aínda así, avanzou que se “podía abrir o Decreto, sempre que haxa un clima de consenso político” insistindo en que ”buscar unha única causa na perda de falantes é un erro e pensar que unha única solución pode valer para todos os contextos e para todos os territorios”.
As críticas á posición de García chegaron do resto de participantes no debate. Así, o secretario da CIG-Ensino, Xesús Bermello, defendeu a aplicación a Proposta de bases para a normalización do ensino na Galiza, apoiados polos movementos de renovación pedagóxica e organización sindicais, como a CIG, CSIF ou STEG.
O representante da RAG, Henrique Monteagudo reiterou as análises efectuadas pola institución en relación cos datos de uso do galego coñecidos en outubro de 2024. Neste sentido, a Real Academia Galega destacaba que “o modelo educativo actual non está a cumprir o mandato da Lei de normalización lingüística”.
A presidenta da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), Ana Pérez Rico, referiuse á perda de falantes de galego entre as faixas de idade máis mozas e reclamou un cambio de rumbo nas políticas do Goberno galego.
Hakan Casares reiterou as conclusións do informe do Consello da Cultura Galega onde alertaba dunha “situación catastrófica” da lingua entre a mocidade. Nesta dirección, concluía que “demandaba a urxencia de intervir no ámbito escolar e na transmisión interxeracional".
Marcos Maceira
O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, asegurou durante o debate que as disposicións legais adoptadas polo PP desde 2009 “ moi particularmente o Decreto contra o galego no ensino de 2010, provocaron unha caída de galegofalantes”.
Maceira criticou as propostas formuladas pola Xunta da Galiza, sinalando que “ negan esta realidade” de perda de falantes do galego. Ao tempo, denunciou que a alternativa presentada polo Goberno galego de acordo sobre o galego “non pretende asegurar nada. É unha declaración máis das que xa vai sobrada a lingua galego. Obras son amores e non boas intencións”.
"Derrogación do Decreto de Plurilingüismo"
As entidades convocantes do encontro reclamaron “a urxente derrogación do Decreto de Plurilingüismo e a posta en marcha dun modelo de normalización lingüística plena no ensino. Na mesma esixiron, a actualización do “plan Xeral de Normalización Lingüística do ano 2004”.
AS-PG, CIG-Ensino e Mesa pola Normalización Lingüística esixiron “un cambio de rumbo radical na política lingüística da Xunta de Galiza que garanta e facilite a utilización do galego en toda situación, lugar e circunstancia”.
