Unhas xornadas de CIG-Ensino, AS-PG e A Mesa debaten este sábado arredor da "situación de emerxencia" da lingua galega
O programa reúne representantes da Xunta da Galiza, RAG, CCG, A Mesa, CIG-Ensino e AS-PG nunha mesa redonda.
A CIG-Ensino, a AS-PG e A Mesa pola Normalización Lingüística organizan este sábado a cuarta edición das Xornadas de Normalización Lingüística, dirixidas ao colectivo docente e que este ano levan por título “O galego en situación de emerxencia”.
No programa, que decorrerán das 10 horas ás 19.45 horas no IES As Fontiñas de Compostela, inclúese unha palestra da profesora da UDC e escritora María Pilar García Negro, baixo o título “Lingua galega hoxe. Evidencias e necesidades”; e a presentación do libro Liberdade para o galego. Política, uso e disposición da lingua (Laiovento, 2024) coa participación dos seus autores, Elsa Quintas Alborés e Marcos Maceira Eiras.
Ademais, Kike Amonarriz, profesor de sociolingüística e ex presidente de Euskaltzaleen Topagunea, dará conta da experiencia dun proxecto de recuperación do uso da lingua vasca. María Soliña Barreiro González, profesora de Comunicación Audiovisual e Publicidade na USC, fará o propio cunha experiencia de elaboración dun telexornal con alumnado de educación infantil.
Mais na programación das xornadas destaca unha mesa redonda na que participarán tanto o sindicato e as entidades organizadoras, como Goberno e institucións. Xesús Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino; Hakan Casares, do Consello da Cultura Galega; Valentín García, secretario xeral da Lingua; Marcos Maceira, presidente da Mesa; Henrique Monteagudo, membro da Real Academia Galega, e Ana Pérez Rico, presidenta da AS-PG, debaterán este sábado nunha mesa redonda baixo o título “Emerxencia lingüística e perspectivas de acordo arredor da lingua”.
O obxectivo das xornadas —de acceso gratuíto, computando na puntuación para oposicións, concursos de traslados ou sexenios— nas que xa están inscritas máis dun cento de docentes, é pór en común proxectos e ideas que revertan a situación de perda de falantes en xeral e de competencia na lingua galega en particular por parte do alumnado no ámbito de ensino e incentivar o profesorado a empregalo nas aulas e a crear materiais didácticos en galego.
O programa busca tamén analizar os resultados da política educativa desde a aprobación do Decreto do Plurilingüismo por parte da Xunta da Galiza e instar á Administración a levar a cabo “reformas de calado” que actualicen o Plan de Normalización Lingüística “á situación na que se atopa actualmente o noso idioma”.
Esta situación á que fan referencia as entidades organizadoras das xornadas é a que reflicten os últimos datos feitos públicos recentemente polo Instituto Galego de Estatística (IGE) que certifican que son xa máis as cidadás e os cidadáns que residen na Galiza que falan sempre en español, un 29,66%, que os que utilizan a lingua cooficial no seu día a día de forma continua, un 24,37%.
A “situación de emerxencia” da lingua galega foi constatada por un estudo do Consello da Cultura Galega (CCG), que confirmou ademais que a Galiza é a única comunidade con lingua propia onde o uso do idioma cae conforme descende a idade de poboación e tamén é a única en que as persoas novas presentan niveis de competencia máis baixos que as persoas maiores.