Xa podes votar a Palabra do Ano 2024: aparvar(se), cantareira, dina, emerxencia climática, fala e meu son as finalistas

A votación vía telemática estará accesíbel até as 23:59 horas do 25 de decembro a través do Portal das Palabras.

Aberto o prazo para exoller a Palbara do Ano 2024. (Foto: RAG / Fundación Barrié)
Aberto o prazo para exoller a Palbara do Ano 2024. (Foto: RAG / Fundación Barrié)

Tras a fase de recollida de suxestións, a Real Academia Galega e a Fundación Barrié abren esta cuarta feira a fase da votación popular que decidirá cal é a Palabra do Ano 2024. 'Aparvar(se) ', 'cantareira', 'dina', 'emerxencia climática', 'fala' e 'meu' son os vocábulos finalistas que apelan de distinta maneira a temas que marcaron a actualidade dos últimos meses, sinalan nun comunicado as entidades impulsoras.

"Responden dende a lingua propia a expresións alleas ou mesmo miran con ilusión cara ao 2025, cando a RAG lles dedicará o Día das Letras Galegas á poesía popular oral e ás mulleres que a transmitiron ao longo dos séculos coas súas voces". A votación telemática permanecerá aberta ata as 23:59 horas do 25 de decembro a través do Portal das Palabras.

Neste 2024, apuntan, medrou aínda máis a preocupación polos efectos do consumo excesivo de contidos nas redes sociais, tanto pola perda de atención que provoca entre a xente máis nova, e na adulta, como polas consecuencias do espallamento de loiadas e contidos de baixa calidade e vacuos, destacan na presentación das finalistas.

Aparvar(se)

"As análises sobre esta tendencia global están a xerar neoloxismos, a miúdo préstamos do inglés, pero o vocabulario patrimonial ofrece solucións acaídas para designalo". É o caso do verbo, aparvar(se), "quedar parvo ou sen capacidade de discorrer", na forma intransitiva, ou "pór coma parvo, deixar sen capacidade de discorrer a [alguén]", na transitiva. Unha palabra de sempre, cargada dunha poderosa expresividade que pode contribuír á reflexión crítica colectiva sobre a cara negativa do uso que se lles está a dar a aplicacións que acumulan miles de millóns de usuarios. Conta ademais con varios sinónimos tamén ben expresivos como atrosmarse, emparvecer ou parvear.

Cantareiras

Avanzando a que sen dúbida ha ser unha das grandes boas novas do ano a piques de comezar, a fase de recollida de suxestións deixou propostas variadas que soan xa ás Letras Galegas 2025, destacan. Entre elas destaca o substantivo que designa as protagonistas da celebración dedicada á poesía popular oral, as cantareiras, as mulleres que cantan e crean cantigas populares. Palabra polisémica, soa igualmente moi ben nas acepcións que ten como adxectivo: "que sabe cantar ou é afeccionado ao canto" e "que emite un son agradable e melodioso".

DINA

Lembrando o que non se poderá esquecer, outra finalista é dina, substantivo formado a partir do acrónimo da locución depresión illada en niveis altos. As siglas escríbense en principio con maiúsculas e sen punto, mais cando o seu uso se fai moi frecuente acaban converténdose en unidades lexicalizadas, como aconteceu con este termo por mor da devastadora dina que sufriu especialmente o País Valencià o pasado outubro.

Emerxencia climática

O incremento da frecuencia e virulencia de fenómenos atmosféricos como as dinas ou as ondas de calor, así como outros síntomas do quecemento global como a suba do nivel do mar, deixan tamén pegada na lingua en forma de novos vocábulos ou de sintagmas nominais como emerxencia climática. Estoutra candidata á Palabra do Ano 2024 alerta das graves consecuencias do cambio climático para todo o planeta e chama á acción colectiva para frealo.

Fala

A situación da lingua galega foi outra preocupación reiterada na fase de suxestións. Entre a diversidade de propostas, chega a esta final, pola súa sinxeleza e rotundidade, fala. A voz popular que designa a "lingua natural propia dunha comunidade humana" funciona en Galicia como sinónimo pleno do idioma propio do país. Fala define ademais a "facultade de falar" e resume un forte desexo para o vindeiro 2025: que o conxunto da sociedade galega sexa quen de abrir un novo tempo para o idioma, revertendo a perda de falantes e xerando consensos arredor do noso gran tesouro colectivo.

Meu

Á oralidade remite igualmente meu, ou miña, no significado no que aparece como finalista da Palabra do Ano 2024, como alternativa de noso ao anglicismo *bro, apócope de brother (irmán). Este posesivo ten un uso tradicional oral, sen artigo, en exclamacións ou vocativos que buscan implicar o receptor na conversa, denotando familiaridade e proximidade afectiva. Xera así expresións como: Que me dis, meu? ou Miña, imos á festa?, semellante ao emprego de ho! ou, cun uso cinguido a territorios máis concretos, ou ché.

Comentarios