Valentín García: "Hai que crear espazos de socialización atractivos para a xente, pórllo fácil para que fale galego"
-Que hai que facer para garantir a presenza e o futuro do galego?
En primeiro lugar, crear espazos de socialización atractivos para a xente nova, socializar en galego. Temos a xeración máis preparada para ler, entender, escribir e falar o galego e curiosamente báixanos o uso.
O que nos indica isto é que, até o de agora estivemos moi centrados en como hai que facer no ámbito do ensino, educativo e formativo. Pero o ensino o que nos dá son competencias en lingua galega e unha boa actitude cara ao idioma, pero non dá o uso. Podes estudar moito inglés, que se vives nun país onde non se fala inglés, non o falas. O que nos está pasando é que, sobre todo nos ámbitos urbanos, estudan galego dentro da aula pero en canto poñen un pé no patio están falando castelán. Ese é o gran desafío que nos din os datos do Instituto Galego de Estatística. É algo que se percibe, que non fan falta case nin estatísticas.
-Cales teñen que ser os pasos desde a Xunta para a expansión da lingua?
Temos que crear conciencia de que é preciso usar o galego, nas súas distintas versións. Hai moita xente que non o usa porque pensa que o fala mal, cando en realidade son prexuízos falsos porque todos os galegos son bos. O único galego malo é o que non se fala. Isto tecnicamente chámase crear neofalantes. Xente que fala castelán ou que fala pouco galego que fale un pouco máis.
Ninguén empeza a falar correctamente unha lingua, iso tamén é un chamamento a parte da sociedade que moitas veces caemos na hipercorrección, non debemos facer iso, é contraproducente porque estás quitándolle as ganas de falar galego. Como sociedade temos que ser conscientes de que temos que expandir a lingua, todos podemos facer algo. Hai que crear espazos de socialización atractivos para a xente, pórllo fácil para que fale galego.
-Valora a Xunta modificar o polémico 'Decreto de plurilingüismo'?
Nós sempre dicimos que o decreto se pode cambiar. É un decreto, nin sequera é unha lei. Regula o uso do galego no ámbito educativo non universitario, nós o que dicimos é que se temos un nivel alto de competencias en lingua galega, que é o que está facendo mal o Decreto? Porque só regula o ensino en galego, nada máis. Ninguén fala a lingua que lle manda falar un decreto, o Decreto é só para o ensino non universitario regrado. Todo é mellorábel, ao mellor hai cousas que podemos retocar, pero hai que retocalas con consenso. O que non podemos é abrir o Decreto para que empece unha guerra. Antes de abrilo queremos saber como se vai fechar. Que os partidos poñan as súas propostas enriba da mesa e podemos negocialo, e así cando o abramos ao día seguinte fechámolo.
O que non queremos é dicir 'imos modificar o decreto' e botar co proceso aberto un ano, iso é prexudicial para a lingua. Ten que haber un debate, un encontro político. Estas cousas hai que facelas por consenso. É un decreto, nun Consello da Xunta cámbiase, pero ten que haber un consenso e acordo porque senón entramos nunha liorta interminábel. O problema non está nas horas de clase, non está dentro da aula, está no patio do colexio e o patio non o regula o Decreto.