mércores 25/11/20
Presencial e en liña

V Xornadas de Onomástica, os nomes comerciais

O Museo de Pontevedra acolle as V Xornadas de Onomástica da Real Academia Galega, o vindeiro 7 de novembro.
Elena Ferro participará nas Xornadas de Onomástica. / Nós Diario
Elena Ferro participará nas Xornadas de Onomástica. / Nós Diario

Un encontro organizado entre a RAG, a Deputación de Pontevedra e o museo, na que se busca afondar no nome das marcas comerciais na Galiza. Para iso, baixo a coordinación das académicas Ana Boullón e Luz Méndez, expresaranse voces da filoloxía, da dinamización lingüística e da creación de marcas, como a artesá Elena Ferro.

O evento será presencial e tamén se difundirá en liña a través de Zoom. As inscricións recíbense no correo da academia ([email protected]) até o domingo 1 de novembro.

A busca dun nome que resulte distintivo ou atractivo comercialmente adoita abordarse empregando diversos procedementos. “Un dos máis recorridos é o do apelido da persoa que fundou a empresa, pero tamén se acode a procedementos máis imaxinativos e evocadores”, apunta Ana Boullón.

É o caso, por exemplo, de EFerro, a empresa de zocos de Vila de Cruces fundada por Elena Ferro, que nomea os seus modelos con topónimos galegos como San Cosme de Nete.

A xornada arrincará cun relatorio sobre a denominación da disciplina dedicada ao estudo dos nomes das marcas a cargo do coordinador do Seminario de Onomástica, o académico Antón Santamarina, e outro sobre o valor dos nomes para as marcas, as empresas e os dominios en Internet do profesor da Universidade de Vigo Benigno Fernández Salgado.

A continuación, a profesora da Universidade de Santiago de Compostela María Álvarez de la Granja falará dos recursos lingüísticos das marcas comerciais e a profesora Sara Míguez referirase á relación das marcas coa paisaxe lingüística dende o caso de Redondela.

Deseguido, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, trazará unha viaxe pola historia a través das cabeceiras galegas. A sesión da mañá concluirá cunha achega sobre os nomes das adegas e dos produtos da denominación de orixe do Ribeiro a cargo de Raquel Pérez Tizón.

comentarios