Terraplanistas do galego
Hai catro anos, escribía sobre o "negacionismo idiomático". Afirmaba que as reaccións fronte a unha enquisa da Real Academia Galega (RAG) só eran o comezo dunha campaña duradeira, un movemento político anti-BNG.
Lembren as declaracións daquelas de Ramón Villares a Faro de Vigo: "Os xoves deixan de falar galego polas connotacións políticas que ten... O galego non se pode impor con decretos". Ou o artigo en La Voz de Galicia de Barreiro Rivas, culpabilizando os nacionalistas pola súa "imposición". Na mesma liña que unhas declaracións de Alonso Montero: "O Bloque, de tanto querer o galego, afógao".
Premonitorias tamén eran daquela as afirmacións de Víctor Freixanes: "Todo o mundo está a favor da lingua, e hai que consensuar para solucionar a perda de falantes".
Desde o ano 2021, cada informe que mostra o descenso do uso do galego é replicado desde a Xunta e tamén desde un fato de creadores de opinión.
A batalla actual contra o noso idioma comezou desde a FAES en 2002, moito antes de aprobarse por unanimidade o Decreto de Bilingüismo (2007). En abril de 2009, días entes da toma de posesión de Núñez Feixoo como presidente, a FAES recuncaba pondo en cuestión a vixencia do galego, logo dunha reunión de Manuela López Besteiro con todos os dirixentes lingüicidas.
Os que acreditaron que a campaña do PP denunciando a "imposición do galego" era algo unicamente electoral, erraron. Concluíran que a desaparición do galego "é un proceso histórico", e a Xunta, seguindo as directrices de Madrid, só tiña que decretar a eutanasia.
A idea da "imposición", primeira grande vitoria do PP, callou tanto que rematou sendo aceptada socialmente como un feito incuestionábel. E non só grazas ao PP e aos seus militantes, senón á benfeitoría dunha pléiade de defensores da "cordialidade idiomática", e o acordo do galego "sen crispar". Entre eles atopábase o daquela presidente Pérez Touriño.
Os negacionistas
Os que negan unha e outra vez o devalo do galego son como os terraplanistas, e aínda que sexa acientífico e en contra de toda evidencia, existir, existen. Extreman cos que acreditan que "todo o mundo está a favor da nosa lingua". Por que debo crer que a Xunta quere usar a "reforma" do Plan xeral de normalización da lingua galega (PXNLG) que vén de comezar para favorecer o galego, se a evidencia me está a mostrar que están contra a normalización e gobernan para lograr a súa eutanasia?
A idea da "imposición", primeira grande vitoria do PP, callou tanto que rematou sendo aceptada socialmente como un feito incuestionábel
Ante a emerxencia lingüística que amosan os datos, o PP rexeitou no Parlamento as propostas do cumprimento do PXNLG e a oficialidade do galego na UE, propuxo por lei deixar de usar o galego na RTVG, eliminou o requisito do coñecemento do galego por parte do funcionariado interino a través da lei de acompañamento orzamentario e esquece á mantenta o noso idioma na lei sobre intelixencia artificial... Polo demais, o PP négase a reformar, neste "novo" plan, o uso do idioma no ensino. Saben, como moi ben analizaba a FAES no 2002, que non hai idioma sen escola. Aí está a pedra basilar da súa política lingüicida. A mesma, con cuspidiñas palabras, que anunciou o PP en Valencia, co apoio de Vox, a pasada semana.
Se o PP non está a prol dos idiomas cooficiais, que o impulsa logo na Galiza a esa "reforma" do PXNLG?
Levoume tempo atopar voces autorizadas internas que mo explicasen. Por fin logrei ter catro relatos verídicos.
O PP considera que desde a chegada de Feixoo á presidencia da Xunta hai dúas correntes no nacionalismo a respecto do idioma: unha máis "pactista" e outra máis "intransixente". Unha que defende que o español tamén é "lingua propia de Galiza" e outra que segue "pechada no monolingüísmo".
Se antes a corrente nacionalista que estaba a prol da "cordialidade e a non imposición do galego" non orbitaba ao redor do BNG, agora non só o defenderían algúns dos seus simpatizantes, senón que, despois da última Asemblea Nacional, hai unha división interna en como graduar a defensa do idioma no propio BNG, analizaron no PP.
Sabedores de que poden meter aí unha fenda, sobre todo atraendo a moitos referentes sociais a unha "reforma" da que participan, deciden centrar no idioma a batalla política contra o nacionalismo.
O que pretenden, ademais, é un pacto para enterrar o galego e amparar a imposición do castelán. Lexislar o que xa é práctica: o español como lingua dominante e que unha parte do nacionalismo asuma o castelán como lingua propia.
É que os doutos expertos que colaboran no novo plan non saben o que quere facer o PP coa nosa lingua? Cal é o idioma que impoñen e se impón?
Estamos en guerra e non chega con reflexionar!