A secretaría da Lingua mantén que o galego "vive o seu mellor momento"
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, compareceu esta quinta feira, a petición propia, no Parlamento galego, ante a Comisión de Educación e Cultura, para, segundo a orde do día, informar sobre as políticas que está a desenvolver o Goberno galego para a promoción do uso da lingua galega". A intervención tiña lugar uns días despois de que se fixesen públicos os datos de coñecemento e uso do galego actualizados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) -aínda que García desligou a súa comparecencia da recente publicación da enquisa-, unhas cifras que constatan que o castelán xa é o idioma maioritario na Galiza.
Se a interpretación que deu a Xunta da Galiza deses datos foi no seu momento a de que o galego "continúa na senda de ser a lingua cooficial máis empregada no conxunto do Estado e a maioritaria no territorio", García non se afastou un chisco da doutrina de San Caetano, e fixo una lectura optimista da enquisa, afirmando que "o coñecemento da lingua é o mellor da nosa historia", e apelou á intervención nos "ambitos de socialización" para incentivar o uso dunha lingua que as galegas e galegos, supostamente, dominan. Porén, non avanzou nin unha soa medida concreta para deter a perda de falantes que o IGE desvela, nin para compensar o feito de que, por primeira vez na historia, o galego non sexa a lingua maioritaria do país".
O secretario xeral, non obstante, si estivo áxil á hora de atopar un colectivo ao que responsabilizar de que a estatística sexa tan desfavorábel: os inmigrantes. García apuntou que nos últimos cinco anos incorporáronse á poboación galega 115.000 persoas estranxeiras -23.000 en idade escolar- que, ou ben son castelán falantes, ou ben non coñecen ningunha das dúas linguas. En consecuencia, son persoas que "se incorporan á franxa dos monolíngües en castelan".
Ademais, puxo en dúbida os datos do IGE sobre os falantes máis novos, porque "non se pode entrevistar a menores de 16 anos". "Eles non poden responder", explicou García, quen afirmou que a "resposta máis rápida" dos maiores "é dicir que o neno non fala galego ningún", aínda que non achegou ningun dato que corroborase esta suposición.
García insistiu en que "a nosa lingua non corre perigo" escudándose no "dinamismo" da sociedade galega, ou en que a situación do galego é diferente segundo as zonas, citando os aumentos de persoas galego falantes nas cidades de Ourense ou Santiago, mais sen facer ningunha mención de como intervir nas cidades que perden falantes, ou nas comunidades que proceden do estranxeiro.
A única proxección de futuro de García foi a "esperanza" que depositaba na reunión á que se convocou ao partidos políticos con representación no Parlamento galego, o próximo día 24, co obxectivo de abrir o diálogo para consensuar un pacto pola lingua".
A ruptura do consenso
O secretario xeral esqueceu mencionar que foi o PP quen rompeu o histórico consenso ao que chegaran todas as forzas do Parlamento en 2004 cando aprobaron, nunha insólita unanimidade, o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG): á chegada de Feixoo á presidencia da Xunta aprobouse o chamado decreto da vergoña, que por primeira vez na historia retrocedía na protección legal que se lle daba ao galego.
Se ben é certo que García atopou un certo apoio no único deputado de Democracia Ourensana, Armando Ojea, que coincidiu no "escepticismo" ante enquisa do IGE, o resto dos grupos da oposición lembraron aquel momento de ruptura do consenso en materia de lingua.
O deputado Julio E. Abalde Alonso, do PsdeG, cualificou a situación da lingua de "traxedia cultural", resultado de "15 anos de políticas que desprezan o galego". Abalde chegou a confesar que "botaba de menos" o PP de Manuel Fraga", antes de que o goberno de Feixoo "utilizase a lingua como arma política", xusto cando pasaba por un momento de "gran recoñecemento e de valorización social", en referencia á participación de varios altos cargos do PP -entre eles o agora presidente da Xunta, Alfonso Rueda- na manifestación convocada pola organización ultra Galicia Bilingüe, a menos dun mes das eleccións galegas de 2009, contra a "imposición do galego".
Mais foi Iria Taibo a máis contundente nas súas críticas. A deputada do BNG mostrouse sorprendida "polo esforzo realizado para atopar datos positivos na enquisa da IGE", subliñando que todas as análises, agás as do Goberno galego, son negativas. Ao tempo, preguntaba: "Se non imos falar de medidas concretas, para que estamos aquí?", acusando ao secretario xeral de apelar á vontade das familias pero sen tomar decisións concretas. "Para que existe a Secretaría Xeral da Lingua?", interrogábase.
Taibo tamén apelou ao PXNLG, explicando que foi un plan redactado por un gran número de expertos "que merecen un respecto", e que contaba "cunha amplísima aprobación social". "Podemos probar a cumprir as leis", suxería a deputada do BNG, ao tempo que lembraba que o plan de 2004 xa integraba medidas que atinxían aos emigrantes. "Por favor, lea o plan", pedíalle ao secretario xeral.
Ademais, Taibo instou a executar as recomendacións de actuación inmediata sinaladas no sexto informe da comisión de expertos do Consello de Europa encargada de analizar o cumprimento da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias, que reclama a eliminación das limitacións que impiden empregar a lingua do país como vehicular en materias de ciencias e garantir que o ensino en galego estea dispoñíbel en todos os niveis.
Desde o PP, José Luís Ferro Iglesias enmarcou a perda de falantes na "tendencia común" que sofren as autonomías con lingua propia -ignorando a tendencia xeral ao aumento de falantes en Catalunya e Euskadi desde que se puxo en marcha o Estado das Autonomías- e insistiu no discurso clásico do seu partido: defender "un modelo baseado na liberdade e a convivencia", evitar "imposicións de ningún tipo" e de que se use a lingua "sen confrontacións".
Na súa resposta aos grupos, o secretario xeral da Lingua agradeceu o ton e as achegas realizadas polas catro forzas parlamentarias: "Voume de aquí un pouco máis animado do que viña con respecto ao pacto", declarou, prometendo volver "con propostas concretas".
Vontade de construír
Malia as diferenzas na interpretación dos datos que dá a enquisa da Instituto Galego de Estatística, todos os grupos puxeron de manifesto a súa vontade de participar nos diálogos que a Xunta ten previsto iniciar o día 24. Tomando como base o PXNLG e co propósito de "adaptala" ás novas realidades que xurdiron nos últimos 20 anos, as representantes dos partidos confiaron en atopar "vías de diálogo".