mércores 28/10/20

Rinoceronte pon na rede o primeiro dicionario castelán-galego dixital

A editorial traballou nesta ferramenta durante o confinamento. Conta con fraseoloxía e topónimos. O seu acceso é gratuíto.

Dicionario castelán-galego dixital de Rinoceronte (Nós Diario)
Dicionario castelán-galego dixital de Rinoceronte (Nós Diario)

A editorial Rinoceronte, especializada en publicar obras traducidas ao galego, vén de facer público o primeiro dicionario dixital castelán-galego. A ferramenta, que xa se pode consultar de maneira gratuíta na súa páxina web, conta con abondosa fraseoloxía e topónimos.

O seu editor, Moisés Barcia, xa participou xunto a outros autores do Dicionario fraseolóxico castelán galego e de correspondencias galego castelán Século 21 publicado pola Editorial Galaxia en 2007.

“Aínda non está completamente puído, pero aquí tendes o primeiro dicionario castelán-galego online, con sinónimos, fraseoloxía e topónimos, de acceso gratuíto para todo o mundo”, aseguraba nas redes sociais. Explica que “era un material de uso interno da editorial, pero pareceunos oportuno compartilo con todos”.

Ferramenta participativa

Ademais anima a participar nel. “Se tendes algunha suxestión sobre o seu funcionamento ou vedes algún erro, facédenolo saber”.

Na web da editorial explican que este proxecto naceu durante o confinamento e logo decidiron poñelo en aberto. “Queremos que sexa unha ferramenta viva, que tentaremos ampliar e mellorar na medida do posíbel”.

Editorial especializada en obras traducidas ao galego

Rinoceronte naceu en Cangas do Morrazo en 2005 como primeira editorial especializada en importar para a lingua galega a literatura estranxeira recente.

Ten no seu catálogo varias coleccións con obras traducidas ao galego desde o xaponés, o húngaro, o islandés, o inglés, o italiano ou o francés.

comentarios