A RAG repasa nunha mostra en liña as seis décadas do Día das Letras Galegas

Cartaz da primeira edición do Día das Letras Galegas (Foto: RAG).
En palabras do presidente da Academia, Víctor F. Freixanes, a galería de imaxes pretende "ser unha mostra cronolóxica do que consideramos o grande acontecemento cultural da Galiza".

Unha mostra en liña deseñada pola Real Academia Galega (RAG) repasa as seis décadas de celebración do Día das Letras Galegas, que cada 17 de maio desde 1963 enxalza a cultura e a literatura ao redor dun personalidade destacada.

Este ano a honra recae en Francisco Fernández del Riego, un dos propulsores xunto aos tamén académicos Gómez Román e Ferro Couselo, da creación do Día das Letras como unha xornada "oficialmente dedicada a honrar os nosos libros", como redactou na súa proposta aceptada un mes máis tarde pola institución.

En palabras do presidente da Academia, Víctor F. Freixanes, a galería de imaxes pretende "ser unha mostra cronolóxica do que consideramos o grande acontecemento cultural da Galiza".

Precisamente foi Fernández del Riego quen en 1963 elixiu o 17 de maio como data para a celebración en conmemoración da dedicatoria de Rosalía en 1863 a Fernán Caballero a súa primeira edición de Cantares galegos.

A mostra

A mostra virtual, composta fundamentalmente por documentos conservados na propia Academia, a Fundación Penzol e a editorial Galaxia, comeza co documento da proposta da creación do Día das Letras e dúas fotografías históricas daquela primeira edición, dedicada á propia Rosalía.

Estas instantáneas recollen a visita de varios académicos a Gala, filla de Rosalía, na súa casa da rúa de Santo Agostiño da Coruña e a uns mozos Salvador García-Bodaño, Carlos Casares, Arcadio López-Casanova e Xohana Torres no salón artesonado de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

A exposición virtual complétana imaxes das celebracións ao longo destes case 60 anos en distintos puntos da Galiza e o seu eco na diáspora, coas conmemoracións que o 17 de maio tiveron lugar en Nova York ou Bos Aires.