A RAG busca a 'Palabra do Ano' 2022: así podes enviar as túas suxestións

A fase de recollida de suxestións abre esta segunda feira e remata o 11 de decembro, e ao día seguinte principiará a votación popular.
A 'Palabra do Ano' de 2021 fora 'Tanxugueiras'. (Foto: Wirestock)
photo_camera A 'Palabra do Ano' de 2021 fora 'Tanxugueiras'. (Foto: Wirestock)

A Real Academia Galega (RAG) e a Fundación Barrié abren, máis un ano, a participación cidadá para elixir a 'Palabra do Ano 2022', o proxecto que impulsan ambas as institucións para a difusión do léxico galego.

A fase de recollida de suxestións ficará aberta até o domingo 11 de decembro e, posteriormente, todas as persoas que o desexen poderán participar na votación popular entre o 12 e o 25 de decembro.

Así, a 'Palabra do Ano 2022' darase a coñecer durante os últimos días de 2022. Pódense enviar suxestións a través desta ligazón habilitada pola Academia.

A campaña, explicou a RAG, busca a palabra que incida nalgunha cuestión pública de relevancia dos últimos doce meses, para ben ou para mal, que sintetice dalgún modo como se viviu colectivamente ou que faga referencia a algún fenómeno ou preocupación emerxente.

Nalgunhas ocasións esta palabra pode atoparse a través de neoloxismos; noutras, pola contra, partindo de voces presentes na lingua desde hai moito tempo.

En edicións anteriores foron elixidas 'Tanxugueiras' (2021), 'Nós' (2020), 'sentidiño' (2019), 'deseucaliptización' (2018), 'afouteza' (2017), 'irmandade' (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, 'refuxiado/a' (2015) e 'corrupción' (2014).

Comentarios