A RAE insiste en incumprir a Lei de normalización lingüística

Unha praia fechada polo coronavirus en Sanxenxo. (Foto: Europa Press)

A Academia española volve recomendar o topónimo 'Sangenjo' en contra da lei galega e do nome oficial.

A Real Academia Española (RAE) reabriu esta sexta feira nas redes sociais o debate sobre o topónimo do municipio pontevedrés de Sanxenxo ao recomendar o uso de 'Sangenjo' en contra da lei galega e do nome oficial.

A polémica volveu ás redes sociais despois de que un usuario de Twitter fixese unha consulta pública á RAE, após observar o topónimo escrito como 'Sanxenxo' nos rótulos da a televisión estatal con motivo da visita do rei emérito, Juan Carlos I, ao municipio galego.

A RAE apuntou na súa resposta que "en ámbitos e textos non oficiais, o natural e indicado é empregar a forma tradicional ao falar ou escribir en español".

Deste xeito, a RAE indicou que "en textos oficiais xerados pola Administración é preceptivo utilizar o nome vernáculo 'Sanxenxo'", pero que "fóra destes usos, o indicado é empregar a forma tradicional 'Sangenjo' ao falar ou escribir en español".

A réplica da Real Academia Española xerou unha onda de críticas nas redes sociais. Con todo, non é a primeira vez que se pronuncia a respecto deste topónimo, debido a que xa o fixo no ano 2018.

"A única forma oficial recoñecida"

Pola súa banda, a Real Academia Galega (RAG) sinalou que Sanxenxo "é un topónimo galego e a única forma oficial recoñecida segundo a lexislación vixente" (a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, que estabelece que a única forma oficial dos nomes dos lugares da Galiza é a galega). A RAG engadiu que "como institución con competencia sobre o idioma galego e o seu uso, só recoñece esta forma".

Desta maneira, a RAG remitiu a unha tribuna escrita en 2018 na web da Academia por Luz Méndez. Nela, a académica e experta en toponimia conclúe, após levar a cabo un repaso pola escritura do topónimo, que "non parece que haxa unha longa tradición escrita dunha forma adaptada castelá para o topónimo galego".

"En castelán por respecto á variedade lingüística do Estado español e á oficialidade do nome Sanxenxo, cremos que se deberían descartar outras opcións gráficas que non son tan tradicionais como se cre, do mesmo xeito que se descartaron outras formas antigas", apunta Méndez na súa tribuna.