A Radio Galega incumpre a súa propia normativa con entrevistas en castelán

O programa Galicia por Diante Fin de Semana emitiu hoxe unha entrevista na que o xornalista conversa en castelán con Francisco Vázquez, galego e alcalde da Coruña durante 23 anos. Desde Defende a Galega reclaman unha rectificación por parte do director xeral da radio e critican o incumprimento da vocación fundacional da radio pública galega.
Entrevista en castelán ao ex alcalde da Coruña, Francisco Vázquez, en castelán (Imaxe: Captura).
photo_camera Entrevista en castelán ao ex alcalde da Coruña, Francisco Vázquez, en castelán (Imaxe: Captura).

A CRTVG naceu coa misión de servizo público consistente na “promoción, difusión e impulso da lingua galega”. Así consta súa Lei de creación de 1984. Unha norma e unha vocación funcional que están a ser incumpridas na Radio Galega (RG), tal e como denunciaron as e os profesionais do ente agrupados no colectivo Defende a Galega.

O colectivo partillou hoxe nas súas redes sociais a entrevista realizada ao ex alcalde da Coruña Francisco Vázquez no programa Galicia por Diante da fin de semana. O xornalista arranca dirixíndose a audiencia e mais ao seu entrevistado. Cando este resposta en castelán cambia de idioma, a pesar de que Vázquez, como galego que é, comprende e tamén fala a lingua propia do país e da RG.

Na conversa, toda ela en castelán, quen gobernou A Coruña durante 23 anos reflexiona sobre “a operación de derrube da monarquía” ou a “involución totalitaria e guerra civilismo” crecentes no Estado español.

Vázquez, que tamén foi embaixador de España no Vaticano, opúxose na súa etapa na Administración local ao uso exclusivo do nome galego A Coruña, posicionándose en contra das leis de normalización da Galiza.

Recentemente, o 27 de setembro, o mesmo programa emitiu unha entrevista integramente en castelán. Neste caso o entrevistado tamén é galego, o intensivista do Hospital Clínico de Santiago e membro do Comité de Educación que asesora á Xunta Pedro Rascado. .

“É do máis grave que sucedeu nos 35 anos da radio pública”, sosteñen en redes sociais os profesionais do ente público agrupados en Defende a Galega. “Agardamos rectificación por parte do director xeral”, agregan.

Desde a Liña do Galego, o servizo de A Mesa pola Normalización Lingüística para os dereitos lingüísticos, avanzaron que emitirán unha queixa á propia CRTVG e máis á Valedora do Pobo. Nas mesmas redes abundaron as críticas polo emprego do castelán na radio pública galega, moitas delas facendo fincapé na vocación coa que naceu a propia RG.

Comentarios