Queres agasallar en galego? Eis un catálogo imprescindíbel

Libros, discos, cadernos e elementos decorativos, xogos, instrumentos musicais... mesmo roupa, complementos, plantas, enerxía, servizos profesionais, experiencias, alimentos..., e como non podía ser doutro modo Nós Diario, forman parte do catálogo con centos de propostas que lanza A Mesa pola Normalización Lingüística con motivo do Nadal.

Cadernos de OzocoGz (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera Cadernos de OzocoGz (Imaxe: Nós Diario)

Abertos ao Galego, o programa da Mesa que certifica o compromiso das empresas coa divulgación da lingua propia, presenta un extenso catálogo con centos de propostas de compras con motivo do Nadal en galego. Entre eles, pode atoparse Nós Diario, que ofrece a opción de agasallar subscricións, quer ao diario en papel, quer ao diario para a súa lectura na nube.

A Mesa preséntao esta sexta feira en Vilalba, nun acto organizado polo Instituto de Estudos Chairegos e mais polo Consello da Cultura Galega e distribuirao durante esta fin de semana, de forma gratuíta, no Culturgal. Chegará, a continuación, ás vilas e cidades galegas.

O presidente da asociación en defensa da lingua, Marcos Maceira, pon de manifesto a importancia de “recoñecer as empresas que empregan con normalidade o galego no ámbito socioeconómico”. “Coa decisión de facermos presentes en galego como consumidoras e consumidores estamos a pór en valor a nosa lingua, a nosa cultura e tamén a nosa economía”, engade.

"Todas as decisións que tomamos como consumidores e consumidoras teñen implicacións", afirma Maceira, "non ten as mesmas repercusións económicas, laborais ou ecolóxicas comprar un iogur fabricado en Francia que na Galiza, da mesma maneira que non é o mesmo ter contratada unha empresa de telefonía que emprega persoas que poden atender a clientela en galego ou unha que non dá o seu servizo na nosa lingua".

Por que escoller empresas que traballen en galego?

A Mesa pola Normalización Lingüística dá conta de dez motivos para apostar nas empresas que traballan en lingua galega: “Temos dereito a escoller, e quen escolle a nosa lingua tamén nos escolle a nós”, indica, “porque o galego nos identifica como cidadáns e cidadás no mundo. Prestixiar o galego é prestixiármonos nós mesmas”, engade.

Tamén pon de manifesto que optando polas empresas que comunican en galego “recibiremos unha atención máis personalizada e próxima”; “contribuiremos á creación e mantemento de postos de traballo no noso país” e “estaremos apostando por empresas que asumen a súa responsabilidade social”.

O apoio a empresarios e empresarias que “fan un esforzo polo uso do galego” é outro dos motivos esgrimidos pola Mesa, que engade que “dun xeito amábel e directo podemos facer máis polo noso idioma que moitas campañas de divulgación”.

Ademais, salienta que apostando por empresas que empregan o galego “contribuiremos a que outras empresas usen o noso idioma de xeito normal. Apoiar a presenza do galego no ámbito socioeconómico dálle prestixio á lingua e ten efectos multiplicadores noutros ámbitos da vida social”.

Por último, A Mesa afirma que as empresas que usan o galego, interna e externamente, “entenden que o noso idioma é un elemento positivo para a súa imaxe” e advirte de que “os produtos etiquetados en galego teñen tanta ou máis calidade que outros. A lingua galega é unha marca de orixe e a orixe galega dos produtos é un sinal de calidade, e en moitos casos de elaboración natural e artesanal”.

Podes consultar o catálogo nesta ligazón.

Comentarios