Carta Europea das linguas minorizadas

Política Lingüística defende as competencias lingüísticas do alumnado galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística defende a promoción do galego no ensino e rexeita boas parte das conclusións do Consello de Europa ao considerar “que non se axustan á realidade da lingua na Galiza”.  Considérao un documento "de baixa fiabilidade científica, porque quen o elabora nunca puxo un pé na Galiza".
[Imaxe: Luis Polo] Valentín García
photo_camera Valentín García, responsábel da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta.

En declaracións a Sermos Galiza, Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, rexeita as conclusións do Consello de Europa, xa que “non se axusta á realidade da lingua na Galiza”. “A Carta só estabelece un sistema de aprendizaxe das linguas minorizadas polo que as familias poden escoller se os seus fillos e fillas se escolarizan 100% en galego -sería no noso caso-, en castelán, ou nas dúas linguas. Este non é o modelo da Galiza, porque a lei non o permite”, asegura. “A Lei de normalización lingüística non recolle un modelo de inmersión como o que considera a Carta e teñen noutros territorios.

García alude aos últimos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE), recollidos no Módulo de coñecemento e uso do galego da Enquisa estrutural a fogares publicado a finais de setembro. Segundo di reflicte un dos mellores datos da historia a respecto do coñecemento do galego entre a mocidade de 15 a 29 anos. “O 90% recoñece que sabe moito ou bastante, e isto óbviao o Consello de Europa”.

Datos históricos

Nesta liña, sinala Valentín García, o IGE tamén recolle os mellores índices canto ás catro competencias lingüísticas básicas: entender, falar, ler e escribir. Todas chegan ou superan a barreira de 85%, e remarca 87% das persoas que din saber escribir en galego, “unha cifra histórica”, di.

En resume, apunta o secretario xeral de Política Lingüística, “o informe parécenos de baixa fiabilidade científica, porque quen o elabora nunca puxo un pé na Galiza e porque contradí os datos do IGE, ao non o considerar. E ademais, o noso sistema educativo non se adapta ao proposto pola Carta, polo tanto non se axusta á realidade galega”.

Fóra do ensino, Valentín García recoñece que “hai materias pendentes de normalización lingüística”, como a xustiza, a sanidade e a Administración do Estado. “Estamos de acordo en que en todos estes ámbitos cómpre facer un esforzo máis grande”.

Porén, conclúe, “somos a lingua cooficial que máis se fala no Estado por detrás do castelán, algo que non teñen nin catalán, nin euskera; tampouco o bretón.

Comentarios