A Xunta ten un plan para dinamizar o uso do galego na mocidade

Foi apresentado esta terza feira na Cidade da Cultura. O obxectivo, procurar a participación activa da mocidade co fin de reverter o proceso de desgaleguización, particularmente intenso na rapazada.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, intervirán na Xornada de presentación do documento marco do Plan de Dinamización da Lingua galega na Mocidade.
photo_camera Un momento da apresentación do plano

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, apresentaron esta terza feira o primeiro Plan de dinamización da lingua galega na mocidade 2018-2022, un proxecto co que se pretende incrementar o uso do galego entre a xente nova.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística pon en marcha esta iniciativa co fin de traducir as competencias lingüísticas que a mocidade galega xa ten no plano académico nun uso real do idioma.  Este será o segundo proxecto dinamizador elaborado pola actual administración, após a posta en marcha no 2016 do Plan de dinamización do galego no tecido económico.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, intervirán na Xornada de presentación do documento marco do Plan de Dinamización da Lingua galega na Mocidade.O obxectivo do Goberno galego é potenciar o uso do galego nas relacións interpersoais da mocidade e nos novos medios e plataformas nos que se move, fomentando o "neofalantismo" [o uso do galego por vez primeira por parte de castelán-falantes] e garantindo unha oferta ampla e diversificada de produtos de cultura e lecer en galego.

Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, destacou o bon coñecemento a nivel oral e escrito do galego nas xeracións máis novas, e apostou en ir “máis aló do ámbito educativo”. “Temos unha lingua culta, con historia e con presente, pero que precisa de futuro. Queremos deseñar un plan en positivo que convenza aos mozos de desenvolver a súa vida cotiá en galego”, explicou.

O titular do departamento educativo da Xunta lembrou o carácter participativo do plan e explicou os próximos pasos do proxecto, nos que se inclúe a recollida de achegas por parte das entidades participantes e das persoas interesadas na iniciativa, que serán revisadas posteriormente polo Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega antes de ser levadas até o Parlamento, onde se redactará a finais de ano o texto final coas achegas das deputadas e deputados.

Comentarios