Palabras con memoria: expresándose
chapín chapín (a).- Ateigado, cheo ata o máximo.
Exemplo.- "Á volta da festa, o autobús viña a chapín chapín".
Lugar de escoita.- Burela.
Fonte.- Mario Ferreira.
fervincas (ás).- Estar un recipiente acugulado, ata os topes.
Exemplo.- "Xabier comeu un prato de sopa ás fervincas".
Lugar de escoita.- Bembibre (Val do Dubra).
Fonte.- Hortensia Vázquez Fraga.
Outros apuntamentos.- A fonte dubida entre fervincas ou ferbincas e indica que aínda que a expresión é máis aplicada a comidas líquidas, tamén se diría dun prato sólido ateigado que está ás fervincas.
ir a toda en banda.- Andar moi rápido.
Lugar de escoita.- Muxía.
Fonte.- Proxecto Buserana de Muxía.
palazadas (ás).- Ás apalpadas, ás apalpadelas.
Lugar de escoita.- O Courel.
Fonte.- Dun vocabulario courelao.
prouso (a).- De calquera xeito, ao chou.
Exemplo.- "Botar o móbil a prouso no bolso”. “A area viña a prouso no camión".
Lugar de escoita.- Sta. María de Covelo (Covelo).
Fonte.- Sé Anxo Rosales González.
xingardía, a.- De calquera maneira, a rumbo.
Exemplo.- "A terra do leirato non semellaba ter bo tempeiro e sementei a xingardía".
Lugar de escoita.- Cabeza de Manzaneda (Ourense).
Fonte.- Benxamín Fernández Yáñez.