Palabras con memoria: xogando
Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.
escarabello.- (Sentido figurado) Dicíase o peón ou buxaina que estaba "escarabello" cando non bailaba ben por ter a pica ou ferrete defectuosa.
Lugar de escoita.- Lugo.
Fonte.- Henrique Harguindey Banet.
estarote.- Estrutura de madeira coa que as nenas e nenos aprendían a andar, e que evitaba que caesen aguantándoos polo sobaco. Parecida a unha nasa de madeira, pero sen rede e posta de pé. Cando medraban, os estarotes quedaban estorbando nas casas ou nos faiados, e por iso a palabra ten tamén o significado de lote, estorbo: "Tes estes estarotes aquí no medio".
Lugar de escoita.- Corme.
Fonte.- Vocabulario cormelán.
Outros apuntamentos.- Asociación Veciñal de Corme.
lorcha.- Punteirolo dado a unha pelota que a fai subir alta e sen dirección. Sinónimo de biqueira, biqueirón ou biqueirazo.
Lugar de escoita.- Lugo e bisbarra.
Fonte.- Henrique Harguindey Banet.
Outros apuntamentos.- Lorchán é o suxeito que dá lorchas, e o feito de dar lorchas ou lorchazos fai que exista o verbo lorchar.
pa.- (Ademais do coñecido significado) Xogo das escondidas no que apanda un grupo mentres outro se agocha.
Lugar de escoita.- Navia de Suarna.
Fonte.- Marcos Seixo.
Outros apuntamentos.- Utilízase unha zona grande para o xogo. O nome, segundo a fonte, procede da onomatopea do son dun tiro (ao descubrir a alguén os que apandan din, "pa por Fulano").
pinchopau.- Aparato formado por unha barra pousada nun apoio central, nos extremos da que se sentan dúas persoas balanceándose alternativamente, pinchopancho.
Exemplo.- "Os rapaces estiveron a brincar un pouco no pinchopau".
Lugar de escoita.- O Morrazo.
Fonte.- Grupo Maré do Morrazo.
Outros apuntamentos.- Formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.