Palabras con memoria: Temáticas varias

Nova edición das 'Palabras con memoria' da AELG.
Barco encallado en Burela.
Barco encallado en Burela.

carraboleiro.- Personaxe popular do entroido de Bolmente (Sober). Baixa do monte vestido con peles de animais e grandes colares de carrabolás. Este personaxe, esquecido desde os anos 50, foi recuperado recentemente.

Lugar de escoita.- Sober (Lugo).

Fonte.- Ramón Sandoval.

 

estaribel/estarivel (2).- (Ademais de significados xa rexistrados) De xeito xenérico, para queixarse ou manifestar que algo non ten boa traza.

Exemplo.- “Vaia estarivel!”

Lugar de escoita.- Outeiro de Rei, Lugo e A Mariña.

Fonte.- Eva Teixeiro.

Outros apuntamentos.- Indica a informante que foi escoitada na contorna do concello de Outeiro de Rei, en varias parroquias e en Lugo, a persoas nadas nesa área. Tamén a unha persoa da Mariña, que exerceu de mestra en distintas localizacións nesta provincia (non ten claro se é un termo da súa zona ou oíu nalgún dos destinos que tivo).

farragacho.- Ferragacho, traste inservíbel de metal. Farragachada cando son varios.

Lugar de escoita.- O Courel.

Fonte.- Dun vocabulario courelao.

gorgola.- Garganta, parte máis estreita dun obxecto.

Exemplo.- “A gorgola dunha botella.”

Lugar de escoita.- Santa Mariña (Covelo).

Fonte.- Sé Anxo Rosales González.

Outros apuntamentos.- A fonte sinala que adoita pronunciarse con gheada.

meter o barco nas pedras.- (Expresión) Estragar un asunto, equivocarse.

Lugar de escoita.- O Berbés (Vigo).

Fonte.- Marta Dacosta.

Comentarios