Palabras con memoria: tarefas

O aloitador é a persoa que na rapa se enfronta coa besta para suxeitala. (Foto: Arxina)
Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.

agarrador.- Persoa que axuda aos aloitadores a manter inmóbil a besta no curro durante a acción da rapa.
Lugar de escoita.- Sabucedo (A Estrada).
Fonte.- Glosario da Rapa de Sabucedo de Manuel Cabada Castro e Roi Vicente Monteagudo.

aloitador.- (Ademais de significados xa rexistrados) Persoa que na rapa se enfronta coa besta para suxeitala.
Lugar de escoita.- Sabucedo (A Estrada).
Fonte.- Glosario da Rapa de Sabucedo de Manuel Cabada Castro e Roi Vicente Monteagudo.
Outros apuntamentos.- Na rapa de Sabucedo, ao non usar cordas nin instrumentos de ningún tipo, son tres os aloitadores que domean a besta.

rancaña (2).- Instrumento agricola similar a forquita pero cos dentes dobrados, rancaño.
Lugar de escoita.- Malpica.
Fonte.- Paula Castro Tosar.

rular.- (Ademais de significados xa rexistrados) Poxar o peixe na lonxa.
Exemplo.- “Estade atentos, que van rular agora o lote do noso barco.”
Lugar de escoita.- Burela (Mariña luguesa).
Fonte.- Mario Ferreira López.

zarriñar.- Facer mal uso ou uso pouco profesional do oficio de carpinteiro.
Exemplo.- “Se ides á cabana, non vos poñades a zarriñar”/ “Non me zarriñedes nas zocas”/ “Quen me zarriñou a vara de alindar?”/ “Non facedes máis ca zarriñar.”
Lugar de escoita.- As Pontes.
Fonte.- Pepe López Souto.
Outros apuntamentos.- Di o informante: Dende neno non volvín a escoitala. E a bronca que botaba un carpinteiro artesán,construtor de zocas e sellas, cando alguén collía unha peza feita e se poñía a desbastala cunha navalla ou calquera outro utensilio!