Palabras con memoria: en sociedade

Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.
Talear é sinónimo de pasear sen rumbo fixo. (Foto: Arxina)
photo_camera Talear é sinónimo de pasear sen rumbo fixo. (Foto: Arxina)

curruvello.- No Entroido, persoa disfrazada con roupa vella e, ás veces, cunha caroza e unha vara.
Exemplo.- “No Entroido de Moaña aínda se miran moitos curruvellos.”
Lugar de escoita.- Moaña.
Fonte.- María Paredes Juncal e María Carmen Ríos Santomé.
Outros apuntamentos.- Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Soledad Ríos Santomé, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.

gandumiar.- Roubar con malas artes.
Exemplo.- “Veu un azor e gandumioulle catro pitos.” “Gandumiáronlle os freixós da lacena.” “Gandumiáronlle a herdanza toda.”
Lugar de escoita.- San Martín de Suarna (A Fonsagrada).
Fonte.- Antón Santamarina.

quico.- Darlle un pequeno golpe na cabeza a unha persoa que rapou o cabelo.
Lugar de escoita.- Ferrolterra.
Fonte.- Henrique Dacosta.

rapaconaxe.- Grupo de rapaces-as de curta idade.
Exemplo.- “A festa non valeu nada, case non había mozos-as e tivemos que bailar coa rapaconaxe.”
Lugar de escoita.- Xinzo de Limia (Ourense).
Fonte.- María Isabel Fernández Vidal.

talear.- (Ademais de significados xa rexistrados) Pasear sen rumbo fixo.
Exemplo.- “O home taleaba polo pobo.”
Lugar de escoita.- Viveiro.
Fonte.- Daniel Pallares Serantes.

Comentarios