Palabras con memoria: saúdes

Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.
En Vigo dinlle 'mormalleira' a coller unha catarreira. (Foto: Dragana Gordic)
En Vigo dinlle 'mormalleira' a coller unha catarreira. (Foto: Dragana Gordic)

enfexo/a (estar).- (Ademais de significados xa rexistrados) Sensación de incomodidade corporal producida, por exemplo, por algunha prenda que nos causa proído.
Exemplo.- "Hoxe a nena ta mui enfexa, voulle sacar a chaqueta de lá, que se cadra lle dá alerxia".
Lugar de escoita.- Samos, Sarria e o Incio.
Fonte.- Carmen Moreira Vazquez e Laura Cereijido (ENDL de Navia de Suarna).

enqueixoar.- Magoar, mancar, ferir.
Exemplo.- "Os nenos enqueixoáronse ó pé do cruceiro". "Haste enqueixoar, e por riba, halas levar".
Lugar de escoita.- Feás - Aranga (A Coruña).
Fonte.- J. L. Couceiro.
Outros apuntamentos.- A fonte indica que hoxe poucos coñecen o significado deste verbo, que di ter escoitado conxugar nos anos 50 e 60 do pasado século á xente maior do lugar citado.

mormalleira.- Catarreira, arrefriado.
Exemplo.- "Colliches unha boa mormalleira".
Lugar de escoita.- Vigo.
Fonte.- Olga Sánchez Fachado.
Outros apuntamentos.- Enviada por Begoña Caldas.

pasmo.- (Ademais de significados rexistrados). Tétano.
Lugar de escoita.- Valdoviño.
Fonte.- Mario Caneiro.

riscar.- (Ademais de significados xa rexistrados) Acción levada a cabo facendo cruces e uns rezos sobre o corpo e/ou cabeza dunha persoa doente ou vítima do mal de ollo, cunha moeda antiga e normalmente de prata. A persoa que facía este ritual case sempre era unha muller que, ademais adoitaba ser a parteira das veciñas.
Exemplo.- "Como a nena non lle melloraba, levouna a riscar".
Lugar de escoita.- Santa María de Taboexa (As Neves).
Fonte.- María Isabel Fernández Vidal.

Comentarios