Palabras con memoria: potencias

Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.
'Forrudo', na Mariña, significa forte, resistente. (Foto: Nós Diario)
'Forrudo', na Mariña, significa forte, resistente. (Foto: Nós Diario)

cagavivo.- Froita pequena, pouco desenvolvida, que non vale nada.
Exemplo.- "Parece un cagavivo".
Lugar de escoita.- Vigo.
Fonte.- Begoña Caldas.

forrudo.- Forte, resistente.
Exemplo.- "Eses zapatos non lle han durar nada ao cativo, tiñas que mercarlle outros máis forrudos".
Lugar de escoita.- Burela (A Mariña).
Fonte.- Mario Ferreira.

largo/a.- (Ademais de significados coñecidos) Dise da persoa que ten un notábel rendemento no seu traballo, que dá moito de si.
Exemplo.- "Os outros non sei, pero Pepe, o chapista, é moi largo traballando".
Lugar de escoita.- Lugo e provincia.
Fonte.- Isidro Novo.

pelouro.- (Ademais doutros significados xa rexistrados) Referencia á condición física
dunha persoa, entendendo que é moi forte ou que ten moita forza.
Exemplo.- "Manolo é un pelouro".
Lugar de escoita.- A Coruña.
Fonte.- Persoa residente no Centro Activo de Día Recréate La Plaza (A Coruña).

zambanudo/a.- Persoa afouta, baril, atrevida, activa, con xenio.
Lugar de escoita.- Bisbarra de Navia.
Fonte.- ENDL de Navia de Suarna.

Comentarios