Palabras con memoria: calidades

Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.
Un presa de patacas acabadas de apañar. (Foto: Andrew Balcombe)
Un presa de patacas acabadas de apañar. (Foto: Andrew Balcombe)

courento/a.- Dise de algo cando ten mala pinta.
Exemplo.- "As patacas están cheas de courento, mira cantos bechos!”
Lugar de escoita.- Bembrive (Vigo).
Fonte.- Alba Pérez.
Outros apuntamentos.- Desde a APAMP (Vigo).

lapeiro/a.- (Ademais de significados rexistrados) De forma cariñosa, persoa pouco intelixente.
Exemplo.- "Non me sexas lapeiro, que sempre andas con parvadas".
Lugar de escoita.- O Morrazo.
Fonte.- Julia Entenza Rodríguez.
Outros apuntamentos.- Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.

millo (de cagar entre o).- Que ten menos importancia ou categoría da que pensa (se se trata dunha persoa), ou do que parece (se é unha cousa).
Exemplo.- "É un avogado de cagar entre o millo" (ou sexa, avogado malo ou de preitos pequenos).
Lugar de escoita.- San Mamede de Carnota.
Fonte.- Mar Llinares García.

ovellón.- Vaca pesada e preguiceira.
Lugar de escoita.- O Courel.
Fonte.- Dun vocabulario courelao.

pambolas.- Persoa apampada.
Lugar de escoita.- Muxía.
Fonte.- Proxecto Buserana de Muxía.

Comentarios